Noa Díaz lamenta que a Xunta publicase a convocatoria de 2021 no DOG con “modificacións de calado” que repercuten “negativamente” no persoal investigador sen escoitar as eivas anunciadas tanto polo colectivo como polo PSdeG
A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, vén de alertar sobre o “desmantelamento” que está a levar a cabo a Xunta ao programa de formación predoutoral e posdoutoral en Galicia. Fíxoo, hoxe na Comisión de Educación do Parlamento, a través dunha proposición non de lei, que foi rexeitada polo PP.
Así, a responsable socialista lamentou que “finalmente” se publicasen as convocatorias para persoal investigador no DOG “cunha serie de modificacións de calado que repercuten de maneira negativa nas súas condicións de traballo” e que “supoñen un agravio comparativo con outras promocións, ademais de minorar a capacidade de atracción do noso país para establecer a carreira investigadora”.
“Non o dicimos nós, dino as asociacións de persoal investigador galego, que mesmo ofreceron a súa colaboración para modificalo antes da súa publicación oficial”, criticou a socialista.
Neste senso, Díaz criticou o “desleixo absoluto deste goberno coa ciencia”, xa que “está a provocar que persoal investigador cualificado, formado con cartos públicos, acepte ofertas noutros países porque lles outorgan maior estabilidade”, cando “eles queren volver e contribuír ao progreso do noso país, pero é o seu propio goberno quen lle curta as ás para facelo”.
EIVAS NA CONVOCATORIA: MENOS PRAZAS, PEORES SALARIOS E MENOS HORAS
“Dado que no ano 2020 esta convocatoria non se realizou, o máis lóxico parecería ter incrementado notablemente o número de prazas para ofrecer máis posibilidades a todo o tecido investigador doutor do noso país, pero non foi así”, lamentou a socialista, xa que lonxe de compensar a inexistencia da convocatoria de 2020 na de 2021, “obvia a do ano pasado, de tal xeito que as persoas ás que lles correspondería presentarse, non teñen opción nesta”.
Así, incidiu en que o persoal investigador que obtivo o título de doutor ou doutora en 2015 ou de licenciatura ou grao en 2009 quedaría “inexplicablemente” fóra, “cando non sería así se saíse en xuño de 2020 a convocatoria, como estaba previsto”.
Doutra banda, criticou a modificación “notable á baixa” das retribucións establecidas na modalidade A para o tempo no que o persoal investigador goce da súa estadía en Galicia, “pasando a cobrar 500 euros brutos menos mensuais”.
“Esta nova configuración da modalidade A, xunto coa baixa dos salarios nos períodos de estadía en Galicia, provocará unha non desexada fuga de cerebros xa que favorece que moitas das persoas contratadas que gocen destas axudas no estranxeiro non volvan o ano de retorno”, lamentou Díaz, xa que isto “favorece tamén unha maior precariedade do persoal investigador se a situación sanitaria obriga a quedar en Galicia”.
En canto á redución de horas de docencia, Díaz criticou a limitación a 30 horas ao ano a participación máxima, “cando ata agora era 80 horas ao ano”, o que supón un “prexuízo” para o persoal “que certificará moitas menos horas de docencia cando opten a algunha praza de profesorado”.
Por último, Díaz lamentou “ter que tratar este tema de novo porque pensabamos que, logo das queixas por parte do colectivo afectado e das iniciativas presentadas no Parlamento, o Goberno galego se percataría dos erros e inxustizas que estaba cometendo e rectificarían; pero non”.