Julio Torrado reclama atención sanitaria para estas persoas que “non son recoñecidas como enfermas” e son “abandonadas polo sector público”
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, alertou hoxe de que o Sergas deixa desatendidas ás persoas con adicción ao xogo, que “non son recoñecidas como enfermas” e polo tanto quedan “abandonadas polo sector público”. Torrado presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade na que dixo que o Sergas “nin diagnostica, nin trata nin recoñece” a estes doentes.
O responsable socialista advertiu que Galicia conta coa “peor taxa de profesionais de saúde mental en calquera categoría” de todo o Estado, mentres apenas conta con un psicólogo por 400.000 habitantes en cada área sanitaria, e dixo que resulta “difícil” asumir a atención á saúde mental co persoal “baixo mínimos”.
Ao carecer de profesionais suficientes, dixo, “é moi complexo que as persoas con adicción ao xogo poidan ser tratadas dentro do Sergas”, que “non quere nin poñer medios nin a estrutura para facelo”. Sinalou que a Lei do Xogo, á espera de rematar o debate parlamentario, constitúe unha “oportunidade perdida” para garantir a atención sanitaria destas patoloxías.
Afeoulle ao director xeral de Asistencia Sanitaria que presentara 230 casos de persoas con trastorno aditivo relacionado co xogo, cando “son casos que os profesionais detectan, pero que son derivados a especialistas de outras entidades, que poden estar en colaboración co sistema público ou non”. Sinalou que “a realidade é que asumen que detectan moitos menos casos dos que son, e os que detectan son derivados”.