Patricia Iglesias urxe ao goberno galego a mellorar a transparencia da información financeira das entidades do sector público e que tomen medidas para mellorar a porcentaxe de préstamos e avais falidos
A portavoz de Economía e de Calidade Democrática e Transparencia do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, alertou hoxe de que entre o Igape e Sodiga a Xunta suma unhas perdas de 221 millóns de euros por pagos de avais errados e préstamos que non foron devoltos. Iglesias lamentou o voto en contra do PP a unha proposta do Grupo Socialista para pedirlle á Xunta que tome medidas para mellorar a porcentaxe de préstamos e avais falidos.
A responsable socialista explicou que os avais financeiros concedidos a través do Igape presentan un risco vivo de 13 millóns de euros a finais de 2022, pero os pagos por avais errados rexistrados entre 2010 e 2022 ascenden a 85,4 millóns de euros. Ademais, sinalou que a sociedade de capital risco Sodiga, da que tamén participa a Xunta, e entidades de investimento colectivo recibiron un capital de 360 millóns de euros ata 2022, cunhas perdas acumuladas de 136 millóns de euros.
Iglesias urxe ao goberno galego a mellorar a transparencia e a eficiencia da información económico – financeira das entidades do sector público autonómico, e “en concreto melloren a porcentaxe de falidos respecto dos préstamos e avais concedidos polo Igape a da sociedade Sodiga”. Citou os informes do Consello de Contas, que alertan do alto grao de morosidade e de debedores que non devolveron os préstamos, que supoñen máis da metade dos vencementos.
A parlamentaria socialista esixiulle ao goberno galego que “deixe de actuar con patente de corso, como se as institucións lle pertenceran”, e reclamou “pasos decididos” para atender ás recomendacións do órgano fiscalizador galego, que é o Consello de Contas para mellorar a transparencia na actuación do goberno galego.
Reclama neste sentido que normalicen os documentos dos expedientes de contratación por parte de tódalas entidades contratantes do sector público autonómico, ademais de configurar o Rexistro de Entidades do Sector público autonómico, pendente dende hai 14 anos, e melloren o sistema de rendición de contas, que a día de hoxe “non permite o tratamento automatizado de toda a información contable”.