Noa Díaz censura as “lamentables e irresponsables declaracións” da conselleira de Igualdade ao sinalar que a coalición de goberno era “peor para a igualdade que os pactos con Vox”
A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, alertou hoxe da “deriva delirante do PPdeG para o branqueamento da estrema dereita” tamén en Galicia. Díaz levou unha pregunta oral ao Pleno do Parlamento logo das declaracións da conselleira de Igualdade sinalando que a coalición de goberno era “peor para a igualdade que os pactos con Vox”.
A responsable socialista ofreceulle á conselleira a oportunidade de retractarse dunhas “lamentables e irresponsables declaracións” e que “mida mellor as súas palabras para que as mulleres e o feminismo entendamos que están do lado das mulleres”. Lamentou as críticas da conselleira -que hoxe se reafirmou- e que “a máxima responsable en políticas de Igualdade de Galicia non sexa quen de facer unha valoración da realidade á altura do que a situación merece”.
Afeoulle que “no canto de levar propostas para mellorar o preocupante escenario que vivimos”, co aumento da violencia machista, o que fai a conselleira é “reproducir o peor argumentario do PP” cunha “clara intención electoral de branquear futuros pactos do PP con Vox, co de terrible que isto será para nós, as mulleres”.
Replicou que “nociva para as mulleres é a coalición que teñen con Vox no goberno de Castela e León”, onde “estiveron a piques de obrigar ás mulleres embarazadas de escoitar o latido fetal”, e que deixou sen moitas prestacións e axudas a mulleres vítimas da violencia machista.
Noa Díaz defendeu a acción do goberno presidido por Pedro Sánchez, lembrando que en 3 anos aprobou a Lei de medidas urxentes de protección e asistencia ás vítimas de violencia machista, modificou a Lei do Aborto e a Lei de Liberdade Sexual, unha “moi boa lei integral con efectos indesexados, e por iso estamos tramitando a súa reforma”.
O mesmo goberno, continuou, que aumentou un 8,5 por cento as pensións e un 15 por cento as non contributivas, dous decretos de igualdade retributiva, a rebaixa do IVE dos produtos de hixiene feminina, a equiparación dos permisos de paternidade e maternidade ou un Plan de apoio ás familias con menores de 14 anos.