Noa Díaz presenta as 234 emendas dos socialistas a unha norma “conformista”, que evita recoñecer o aborto como un dereito e busca “facerlle as beiras ás entidades antiabortistas”
A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, lamentou a falla de ambición da Lei de Igualdade de Galicia, que afronta o seu trámite parlamentario. Díaz presentou hoxe as 234 emendas dos socialistas a un texto “manifestamente insuficiente” e “parece que pensado para non molestar á extrema dereita” aliada do PP “a costa de frear o oso avance social e político e de recortar os dereitos das mulleres”.
Díaz criticou que esta norma “conxela a loita do feminismo pola igualdade real e efectiva de mulleres e de homes” e se demostra “manifestamente insuficiente” por canto “carece de ningún avance significativo, e moito menos con perspectiva de futuro”. Ao longo do texto o PP e o goberno galego demostran unha alarmante “falla de implicación real e de concreción de medidas”, limitando a norma a unha “declaración de intencións sen efectividade legal”.
Reivindicou un novo marco lexislativo “que pule pola igualdade, que actualice e que avance na procura de máis dereitos”, fronte a un PP que “abraza as teses do que foi presidente de Galicia e que agora parece que deixou a moderación gardada nun caixón”. Lamentou que nesta liña o negacionismo da violencia machista “non está a ser en realidade a liña vermella que a dereita di ter”.
Trátase dunha Lei que máis alá do eido laboral “no desenvolve novas obrigas e dereitos para a consecución da igualdade en materia educativa, nin de saúde das mulleres, nin da saúde sexual e reprodutiva, nin da representación equilibrada”. Ademais, dixo, impón novas obrigas e deberes á administración local, dándolle novas responsabilidades aos Centros de Información á Muller, pero “non compromete en ningunha parte maiores recursos por parte da Xunta de Galicia”.
A responsable socialista reclamou obrigas en materia educativa dirixidas aos centros concertados, así como a inclusión da educación afectivo – sexual na educación, que supón “o primeiro chanzo para rachar co incremento das violencias sexuais”. Lamentou a escasa iniciativa do goberno galego neste sentido para caer “nas mans do seu sector máis conservador”, e propuxo que “non teman e avancemos nesta materia”.
Antiabortistas
Noa Díaz reivindicou “maior contundencia e compromiso” cos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres porque, “gústelle ou non á dereita, o aborto é un dereito, e como tal ten que vir recollido neste novo marco lexislativo”. Criticou que mudaran este dereito por “alusión continuas á maternidade como función social” demostrando unha concepción “que pensabamos que estaba xa superada”.
Lamentou que este texto continúa a “facerlle as beiras ás entidades antiabortistas que a Xunta aínda hoxe segue financiando con cartos públicos”, polo que propuxo a supresión do artigo dedicado á Rede de apoio á muller embarazada.
A responsable socialista lamentou que a norma demostra un “descoñecemento absoluto da realidade da muller rural” e reclama a supresión do título dedicado ás mulleres rurais e do mar porque “merecen un Estatuto para elas a través dunha Lei propia”. Reivindicou “compromisos reais, e no intencións”, que estea consensuada coas entidades asociativas das mulleres do rural e do mar.
O Grupo Socialista emenda case na súa totalidade o Observatorio da muller rural e do mar, concibido para tutelar a estas mulleres, desdebuxando a súa representatividade e suprimindo a presenza das entidades asociativas. Propuxo que existan dous observatorios diferentes e propuxo a creación do Instituto Galego da Muller como organismo independente dedicado plenamente á igualdade entre mulleres e homes.