O parlamentario socialista Juan Carlos Francisco criticou hoxe o rexeitamento do PP a unha iniciativa socialista que reclamaba o reparto de fondos con criterios obxectivos dende a Deputación de Ourense. O responsable socialista reclamou “acabar cun réxime caciquil, clientelista, nepotista, que nos últimos 40 anos ten demostrado que non ten servizo para beneficiar ao conxunto dos cidadáns” da provincia.
Juan Carlos Francisco apelou aos dous informes consecutivos “demoledores” emitidos no ano pasado polo Consello de Contas, en abril e outubro, alertando do “enorme descontrol no manexo de fondos públicos” dende a Deputación. Os socialistas reclamaban que a Deputación replique os plans únicos de A Coruña, Lugo e Pontevedra, e garanta así que “un terzo do seu orzamento se distribúa de xeito equitativo, obxectivo e xusto” entre os concellos da provincia.
Onde as outras tres deputacións destinan respectivamente o 46 por cento, o 27 e o 29 dos seus orzamentos aos Plans de Obras e Servizos –POS- con criterios obxectivos, a de Ourense tan só destina o 6 por cento e cun criterio lineal, independentemente da situación e necesidades. Alertou de que, tal e como sinala o ente fiscalizador, todo o demais “é utilizado vía financiamento, convenio e subvención, e aí é onde aniña a perversión democrática”.
Alertou de que na provincia de Ourense, onde hai máis xubilados que traballadores, e afectada por un grave problema de despoboamento e declive demográfico, “os cidadáns dos concellos que non están gobernados polo PP non teñen dereito ao mesmo financiamento”. Segundo o Consello de Contas, o 80 por cento dos contratos do ente provincial son menores para garantir a súa distribución “a dedo”, e a maioría deles beneficiando a unhas poucas empresas vencelladas ao PP.
Mentres as outras tres deputacións, gobernadas por presidentes do PSdeG, empregan criterios obxectivos, o ente dirixido por Baltar prefire a “utilización partidista de fondos públicos, destinados a concellos do PP de xeito arbitrario vía convenios e subvencións, prexudicando ao conxunto da poboación dos concellos que non están gobernados por esta cor política”.