Patricia Iglesias critica a privatización dos recursos naturais por parte do goberno galego e reclama unha sociedade cen por cen pública de enerxía
Esixe explicacións políticas polo proxecto de Altri no que “o único secuestro que hai é o da información e da transparencia”
A portavoz de Economía e Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, responsabilizou hoxe ao goberno galego da paralización do sector eólico durante os últimos 16 anos, que provocou a perda do liderado no sector e 5.000 millóns de euros de investimento perdidos. Así o dixo na comparecencia da conselleira de Economía e Industria no Parlamento para dar conta dos eixos dunha política enerxética e económica que os socialistas ven “de bandazo e bandazo e sen rumbo fixo”.
Iglesias reivindicou o Pacto da Enerxía e a Industria proposto polo líder dos socialistas galegos no debate de Investidura para recuperar a planificación do sector enerxético de Galicia logo da “decisión nefasta, caprichosa e partidista” de Feijóo de parar o concurso eólico que tiña elaborado o goberno presidido polo socialista Pérez Touriño. Aquela decisión, explicou, relegou a Galicia da primeira á cuarta posición no sector e sumiu ao sector no caos e a inseguridade xurídica.
Un caos e unha inseguridade que a día de hoxe aínda non teñen sido superados, co anuncio dun novo Plan Sectorial Enerxético que tardará un mínimo de dous anos máis en poñerse en marcha e con preto de 70 parques eólicos suspendidos cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Moitos deles, sinalou, por motivos de sustentabilidade ambiental e por ter sido autorizados polo goberno galego en zonas non protexidas.
A responsable socialista criticou a “improvisación, falta de transparencia e opacidade” do goberno galego no proceso de “privatización dos recursos naturais de Galicia” a través da Sociedade de Recursos de Galicia, constituída antes de ter soporte legal para deixar a súa dirección nas mans do sector privado. Advertiu que “existen medidas máis consistentes coa necesidade e coa eficiencia e interese público e social como crear unha Axencia pública de enerxías ou apostar polo Inega.
Criticou que o goberno galego “desconfíe do público e da súa eficiencia” para dar paso a “improvisacións continuas” que derivaron na creación deste ente co que agora van crear unha nova comercializadora de enerxía que. Advertiu que se trata dun novo “chiringuito” que “nin vai ser público, nin vai ser social, nin vai abaratarlle a luz a tódolos galegos e galegas” e defendeu unha Sociedade de enerxía “cen por cen pública”.
Altri
Iglesias cuestionou a xestión do proxecto de Altri por parte do goberno galego, que “converteron nun proxecto político e por iso deben dar explicacións políticas”, lonxe do “silencio e opacidade” da conselleira responsable que está a provocar “desconfianza” na sociedade galega. Esixiulle á conselleira que explique o “baile de cifras de emprego” nun proxecto que pasou de 2.500 a menos de 500 empregos previstos.
Afeoulle a “nula lealdade institucional” amosada pola conselleira acusando ao goberno de “secuestrar” o proxecto cando, retrucoulle, “o único secuestro que hai con este proxecto é o da información e da transparencia” por parte do goberno galego”.
Esixiulle que explique o impacto medioambiental dun proxecto que precisa de 56.000 toneladas de eucalipto ao ano e implica “mudar o modelo forestal de Galicia. Puxo en dúbida tamén a viabilidade desta planta, que supostamente depende de 250 millóns de euros de fondos públicos, e criticou que a empresa presuma de coñecer o investimento que vai poñer a Xunta enriba da mesa e que “ninguén mais coñece”.
A parlamentaria socialista resumiu que como consecuencia da falla de xestión do goberno galego “o caos” de xestión das renovables “é un feito”, mentres o emprego industrial “segue estancado” e a economía galega medra un punto por debaixo da media do Estado. Emprazou á “lealdade institucional e á colaboración interadministrativa” e a aceptar a man tendida por Besteiro para acordar un Pacto pola industria e a enerxía “por riba de vinculacións partidarias”.