Lara Méndez denuncia que o PP “quere cambiar a historia” quitando do Diario de Sesións do Parlamento a referencia a Franco como ditador ou a cita do ex presidente da Deputación de Ourense: “Si no eres del PP, jodeté, jodeté”
A viceportavoz do Grupo Socialista Lara Méndez acusou á Xunta de “afogar aos concellos galegos” a base de reparto clientelar de fondos públicos. Así o dixo logo de coñecer o voto en contra do PP á proposición non de Lei que presentou no Pleno de hoxe para reclamarlle ao goberno galego que incremente os fondos para os servizos que prestan os concellos galegos de acordo coa Fegamp.
A responsable socialista criticou que o PP “xa non ten nin vergoña” ao repartir “a dedo” a inmensa maioría dos 600 millóns que din destinar aos concellos, que deberan ser repartidos con criterios obxectivos e dos que deixan un 30 por cento sen executar. Lamentou que “xa nin intentan axustar os criterios” e advertiu que “non están a afogar aos 313 alcaldes e alcaldesas, están afogando aos 2.715.424 galegos e galegas”.
Méndez advertiu que os concellos máis pequenos son os que o están a pasar peor porque a Xunta non asume o financiamento das súas competencias, obrigando aos gobernos locais a dedicar boa parte dos seus recursos a financiar o Servizo de Axuda no Fogar, os comedores escolares, as escolas infantís ou o mantemento dos colexios, entre outros.
A responsable socialista acusou ao PP de facer un “uso perverso” das institucións con “uso partidista e unha forma clientelar de traballar dirixida á compra de vontades”. Advertiu que a súa “inoperancia e incompetencia” deliberadas poñen ao límite os recursos dos concellos. Criticou a “falta de colaboración” do goberno galego, que reparte a maioría dos fondos “a dedo”, co que os concellos dispoñen de apenas 120 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local base.
“Si no eres del PP, jodeté”
A polémica saltou cando a viceportavoz do Grupo Socialista lembrou a intervención do ex presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, cando en plena campaña en 2005 cantaba a son de trombón “si no eres del PP, jodeté, jodeté”, presumindo precisamente do uso clientelar das institucións. A alusión, que por outra banda era literal, foi retirada do Diario de Sesións do Parlamento por Elena Candia, que actuaba como presidenta en ausencia de Miguel Santalices.
Méndez emprazou á presidenta a “aforrarse os tres avisos” que da a presidencia antes dunha chamada á orde, que lle foi aplicada malia citar unha intervención coñecida do vello político ourensán. A responsable socialista acusou ao PP de querer “cambiar a historia” borrando realidades do Diario de Sesións, como fixo hoxe e como a propia Candia intentou coa alusión a Franco como ditador.