Julio Torrado apunta que só un día despois de que a Consellería anunciara un incremento do 6 por cento na produción, o sector anunciara unha perda de 25,7 millóns de euros
O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe á Consellería do Mar de negar a realidade da caída de produción marisqueira para evitar ofrecer solucións. Torrado presentou unha pregunta oral na que contrastou os datos da Consellería, que o 22 de xuño dicía que en 2022 a produción aumentara un 6 por cento, e ao día despois o sector desmentira esta cifra apuntando unha perda de 25,7 millóns.
O responsable socialista lamentou que a Consellería se apuntara ao “feijoísmo”, que consiste en que no canto de asumir a realidade, prefiren “soltar unha barbaridade de datos que son mentira”, en alusión á manchea de datos falsos que ofreceu o candidato do PP no debate electoral celebrado onte. Torrado advertiu que a cifra que ofreceu a Consellería foi desmentido nun encontro de 50 colectivos do sector celebrado na Ría de Arousa hai dúas semanas.
Sinalou que “os datos so tan evidentes que é sorprendente que non os queiran admitir”, negando as cifras que apareen na propia web da Consellería, ofrecendo datos que “non se sabe de onde saen”. Reclamoulle á Consellería que asuma a situación e comece a traballar para ofrecer solucións atendendo ás propostas do propio sector, que leva anos reclamando dragaxes, o control de descargues de encoros, controis de vertidos ou un plan de rexeneración dos bancos marisqueiros.
Navallas en campaña electoral
O representante socialista amosou a súa sorpresa polas afirmacións da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro Susana Rodriguez, relacionando os datos coa campaña electoral, e preguntoulle se “morreron as navallas porque estamos en campaña”, lembrando a repentina mortalidade de bivalvos desta fin de semana. Sinalou que o argumento “está moi ben como diversión”, pero advertiu que “para a xente que vive delo é un argumento perigoso”.
Torrado sinalou que “só lle falta dicir que somos os socialistas os que vamos matando ao marisco en campaña”, e desafiouna a dirixirse aos 50 colectivos que se reuniron en Carril para “dicirlles que están facendo campaña electoral”. Sinalou que este “argumento partidista e cicateiro” en realidade “non ten ningún xeito”, máis alá de eludir a responsabilidade do goberno galego para afrontar a caída da produción e dos beneficios do sector.