O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe ao conselleiro de Sanidade de tratar aos pacientes “como unha folla de excel”. Así o dixo durante o debate dunha interpelación no Pleno do Parlamento sobre o deterioro da sanidade pública e na que criticou que o conselleiro leve unha semana calado logo de que unha profesional chamada polo PP á Comisión de Sanidade dixera que atender a pacientes terminais era moi caro.
Torrado advertiu hoxe do empeoramento da percepción cidadá sobre a sanidade pública galega, que “valora ben aos profesionais porque atenden ás persoas, pero valoran mal a xestión porque vostedes só atenden aos números”. Acusou ao goberno galego de “primar a súa ideoloxía ao defender que atender aos enfermos é moi caro” e “agochar” un modelo dirixido a provocar a tendencia que prefire a atención privada sobre a pública.
Aludiu así a que en 2016 1 de cada 4 galegos prefería a atención privada en hospitais, que aumentou ata 1 de cada 3 en só un ano e, dixo, “o seu obxectivo ao final da lexislatura é que tanta xente prefira a sanidade privada como a pública, e se lle deixaran intentaría que todo o mundo escollera a atención privada”. Por iso, sinalou, acumulan conflitos no Hospital de Santiago, nas ambulancias ou nos PACs, mentres as esperas continúan medrando.
Ademais acusou ao goberno galego de mentir ao anunciar 1.500 profesionais máis na sanidade pública cando os orzamentos para 2019 prevén unha plantilla de 35.026 traballadores no Sergas, 15 máis que o ano anterior, e “a maior parte corresponden a prazas non cubertas”. Torrado advertiu que hoxe Galicia é a terceira autonomía coa sanidade peor valorada, de acordo co barómetro sanitario do CIS, e que 3 de cada 4 pacientes demandan cambios na xestión.
Comparou a valoración da sanidade galega, con só un 23,6 por cento de persoas que a valoran ben, coa da veciña Asturias, onde a porcentaxe sube ao 42,5. Sinalou que as sanidades mellor valoradas son as de Cantabria, Euskadi, Aragón e Asturias, lembrou que “o PP non goberna en ningunha das 4” e desafiou ao conselleiro a explicar “a que modelo das catro se quere parecer”, antes de sinalar que a xestión do PP é máis semellante ao modelo estadounidense.
Comisión de Investigación
Torrado acusou hoxe ao PP de “retorcer” o Regulamento do Parlamento e “cuspir nel” para vetar as comparecencias solicitadas pola oposición na Comisión de Investigación da Sanidade e lograr que compareza “só os que pensan como vostedes”. Acusounos de “prostituír” o dito órgano para “atender unha visión única, unilateral”, deixando á marxe “unha visión da cidadanía que non se está atendendo”.
Gabou ironicamente a “coherencia” de Feijóo ao falar da Comisión de Investigación, que “nas dúas sesións de control nas que respondeu dela mentiu as dúas veces”. Aludiu así a que hai dúas semanas dixera que “as propostas da oposición as escolle a oposición” para chamar a comparecentes e, hoxe, que había na orde do día “20 propostas da oposición”.
O responsable socialista sinalou así ao veto por parte do PP a admitir a comparecencia dos familiares do falecido na Estrada, ao médico que segundo a versión oficial da Xunta tiña que estar aquel día no PAC ou da responsable da Eoxi de Santiago e responsable da organización das quendas, Eloína Núñez, ou o representante da concesionaria do Hospital de Vigo, e que motivou o abandono da Comisión por parte dos grupos da oposición.