Julio Abalde acusa a á Consellería de Educación de modificar unilateralmente a aplicación das ratios de agrupamento de alumnado a través da Lei de Acompañamento
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Julio Abalde, advertiu que a Consellería de Educación está a incumprir o acordo de ratios, agrupamentos e profesorado para alumnos con necesidades educativas especiais en preto de 300 aulas en toda Galicia. Abalde presentou unha pregunta oral na Comisión de Educación na que alertou de que o goberno galego está a modificar unilateralmente as condicións do acordo con 3 centrais sindicais do ensino.
Sinalou que o incumprimento deste acordo está a afectar sinaladamente ás dotacións de orientadores imprescindibles para facer as diagnoses dos alumnos con necesidades educativas especiais, así como nas dotacións de profesionais especializados en pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe, así como dos coidadores.
Acusou á Consellería de modificar o acordo de forma unilateral ao adiar a aplicación do compromiso de agrupamentos en aulas mixtas nas que o alumnado de diferentes etapas é escolarizado de forma conxunta, que agora será aplicado de forma progresiva.
Advirte que estes adiamentos serán modificados de forma unilateral a través da Lei de Acompañamento aos orzamentos sen falar coas organizacións sindicais, como a adaptación das ratios de agrupamento en infantil e primaria, que queda adiada ata o ano 2032.
Esta situación resulta especialmente grave no caso dos centros educativos do rural, que obrigan a numerosos pais e nais a decidir entre agardar a que a Consellería cumpra coa súa obriga ou escolarizar aos seus nenos e nenas noutros centros a varios quilómetros de distancia.