Paloma Castro acusa ao goberno galego de asumir o branqueamento do franquismo imposto por Vox ao boicotear o cumprimento da norma en Galicia
A portavoz de Política Institucional do Grupo Socialista, Paloma Castro, acusou hoxe ao goberno galego de “eludir o deber moral e legal de cumprir coa Lei de Memoria Democrática”. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que acusou á Xunta de asumir o branqueamento do franquismo imposto por Vox e boicotear o cumprimento desta norma en Galicia.
Castro acusou ao goberno galego de “arrastrar os pés” no cumprimento desta normativa, e puxo como exemplo que tan só teñen exhumado en 15 anos 3 das 461 fosas da represión franquista documentadas polo Ministerio de Presidencia, que ademais é o que financia estas actuacións. Acusou ao goberno galego de facer o posible por faltar á obriga de “neutralizar o esquecemento e evitar a repetición dos episodios máis tráxicos da historia”.
Insistiu na “necesidade de habilitar unha partida de memoria no orzamento de 2025 que “permita unha planificación de actividades complementarias ao Plan de localización e exhumación que está a desenvolver o goberno de España”. Castro Acusou ao goberno galego de ter “aniquilado” tódalas iniciativas a prol da memoria democrática postas en marcha polo goberno presidido polo socialista Pérez Touriño.
Reivindicou a posta en marcha de medidas de fomento da investigación, impulso de programas de divulgación que inclúan o relato das vítimas, abordando especificamente o papel da muller, a gran esquecida do relato histórico, e o exilio. Emprazou a declarar Lugares de Memoria Democrática naquelas localizacións que cumpran os requisitos, como a Illa de San Simón, e a retirada de símbolos e elementos contrarios á Memoria Democrática.
Castro propuxo a declaración do 31 de outubro, data na que se aprobou nas Cortes a Constitución de 1978, como referencia ás loitas individuais e colectivas dos homes e mulleres galegos e galegas pola conquista dos dereitos, as liberdades e a democracia. Tamén propuxo declarar o 8 de maio como día de recordo e homenaxe ás vítimas do exilio como consecuencia da Guerra e a Ditadura.