A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, reclámalle á Xunta que elimine o copago dos usuarios do Servizo de Axuda ao Fogar e sexa asumido pola administración autonómica. A responsable socialista presentará unha proposición non de Lei no Pleno que comeza este martes para incrementar as achegas autonómicas a este servizo para o coidado a domicilio de persoas con necesidades asistenciais.
A parlamentaria socialista reclámalle ademais ao goberno galego que incremente as súas achegas para este servizo, logo de dez anos conxeladas a pesares do aumento dos custes, e que están a ser asumidos polos concellos galegos. A situación chegou ao punto de que “un dos maiores gastos locais para moitos concellos é o coste que supón o SAF pola ausencia da actualización da cota que a Xunta ten que aportar ao servizo”.
Ortega afeoulle ao goberno galego lle digan aos concellos que “eu convido e ti pagas”, ao negarse a actualizar as cotas cando “é fundamental, hoxe máis que nunca, que a Xunta asuma as súas competencias, axudando aos concellos e garantindo un servizo axeitado aos cidadáns”. Lembrou que o goberno galego é “o segundo do Estado que menos inviste en Dependencia por habitante”.
A portavoz de Política Social reclamoulle ao goberno galego que aumente a súa aportación dende os 8 aos 12 euros por hora de Servizo de Axuda ao Fogar. Reclámalle así que equipare as aportacións ás que estivo a facer entre o 11 de abril e o 30 de novembro, cando asignou 500.000 novas horas mensuais nun SAF extraordinario por motivo da pandemia, pero que non volveu recuperar na terceira onda de coronavirus.
Baixa voluntaria
Explicou ademais que “dende que se iniciou a pandemia, moitos usuarios déronse de baixa voluntaria” no servizo, o que provoca que “nestes momentos non están a disposición de novas altas, pero tampouco se están aplicando”. Sinalou que “polo tanto, a Xunta ten que asumir o custe desas horas para evitar que as propias auxiliares teñan dificultades laborais ao non completar a xornada”.