O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, reclamoulle hoxe ao goberno galego que “arrimen o ombreiro para facer de Navantia un estaleiro con futuro”. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei do PP no que criticou que o goberno galego se dedicara a “cargar contra o Goberno” logo do “fiasco” dos contratos de Pemex e da paralización polo goberno de Rajoy das fragatas F-110.
O Grupo Socialista apoiou a iniciativa “porque estamos a favor dunha maior carga de traballo en Navantia e o desenvolvemento do estaleiro 4.0 para mellorar a competitividade do estaleiro de Ferrol”. Antes, reclamoulle ao goberno galego que exerza as competencias exclusivas en materia de Industria, ao constatar que “a industria en Galicia esmorece co PP”, e enumerou os casos de R, Vulcano, Alcoa, Isowat, Alfageme, Barreras, Poligal, Caramelo, Conservas Cuca ou Pescanova.
Engadiu que “en materia de estaleiros teñen dúas palabras que definen a súa política: Pemex e Morenés. Neste sentido lembrou o fracaso do contrato de Feijóo con Pemex que ía acadar 20 buques para Barreras e a base loxística de Punta Langosteira, e que acabou cun dos principais enlaces da Xunta coa petroleira imputado por corrupción.
Engadiu que “se a política industrial que van desenvolver é a de ter metido nun caixón durante dous anos” o proxecto das fragatas F-110 “por intereses dun ministro do PP” e, dixo, “para iso case mellor que non fagan nada”. Tivo que ser o goberno de Pedro Sánchez, dixo, o que rescatara o contrato e puxera en marcha o plan de modernización e transformación dixital de Navantia, iniciando o proxecto de novo taller de fabricación de sub – bloques.
Financiamento
Reclamoulle ao PP que “aproveiten a chegada de financiamento europeo pola vía dos Fondos de Recuperación” para “poñer enriba da mesa proxectos industriais atractivos”. Esixiulle que exerzan as súas competencias logo de 12 anos de goberno de Feijóo que se saldaron coa perda de 23.000 postos de traballo, un 11,1 por cento fronte ao 3,9 do Estado, e a caída do Índice de Produción Industrial caía un 5,6 por cento en 2019 mentres en España aumentaba un 0,7 por cento.