O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, acusou hoxe ao BNG de “facerlle o caldo gordo a Feijóo, Ayuso, Abascal e toda a dereita española” coa súa decisión de retirarlle o apoio aos Orzamentos Xerais do Estado. Así o dixo logo da reunión da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día do Pleno do Parlamento da próxima semana, na que Gonzalo Caballero preguntaralle a Feijóo polas represalias contra o xefe de Xinecoloxía do Hospital de Verín.
O responsable socialista criticou a “posición irresponsable e ridícula” dos nacionalistas galegos logo de ter presentado unha emenda á totalidade dos Orzamentos Xerais do Estado, que “ademais é completamente inútil para Galicia”. Pablo Arangüena sinalou que o BNG estase a opoñer a uns orzamentos que “invisten máis por galego que por catalán, madrileño, andaluz ou valencián, por citar só catro exemplos”.
Engadiu que “é unha completa falacia que sexan malos para Galicia” por canto, malia o descenso no investimento directo pola finalización do AVE, “estamos significativamente por riba da media en investimento directo do Estado”. Explicou que o Estado dedicará a Galicia 308 euros por habitante, fronte aos 258 da media estatal, ademais de que o 90 por cento dos orzamentos que non é investimento directo “está fortemente marcado polo gasto social”.
Sinalou neste sentido que “afirmar que os Orzamentos Xerais máis sociais da historia son malos para Galicia non soamente é unha mentira, senón que é unha afirmación grotesca e absurda”. Explicou que o aumento de gasto social beneficia sinaladamente a unha Galicia “especialmente dependente destas partidas porque ten máis pensionistas que a media, máis pensións non contributivas -que suben o dobre que as contributivas- e moitas máis situacións de dependencia”.
Verín
Pablo Arangüena explicou que o portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, empregará a sesión plenaria da próxima semana para preguntarlle a Feijóo polas “represalias contra o doutor responsable de Xinecoloxía do Hospital de Verín”. O responsable da área sanitaria de Ourense vén de abrirlle un expediente a este profesional cando fai un ano desde que se significara nas protestas contra o peche do Paridoiro de Verín, obrigando a Feijóo a manter aberto o servizo.
O próximo Pleno incorporará unha pregunta oral sobre “os supostos cobros da Consellería de Medio Rural á cidadanía por axudar a tramitar solicitudes de corta de madeira”. Tamén incluirá como dúas proposicións non de Lei sobre o retraso nas diagnoses de oncoloxía derivadas da pandemia e contra a decisión do goberno galego de pechar o servizo extraordinario de axuda ao fogar ata que a pandemia estea controlada.
Os socialistas galegos presentarán unha moción sobre a política do goberno galego en relación coa crise económica e a situación social xerada pola covid, e unha interpelación sobre a declaración de emerxencia climática en Galicia. Finalmente, o Grupo Socialista preguntará sobre a situación da 25 granxas de visóns de Galicia, unha especie susceptible de contraer a covid-19, e sobre as axudas previstas para frear o peche das axencias de viaxes galegas.