A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Patricia Otero, acusou hoxe ao PP e ao goberno galego de “abandonar” aos traballadores autónomos e reclamou “apoio, asesoramento e incentivos” para este colectivo. Otero presentou unha proposición non de Lei en Comisión para respaldar a estes traballadores, que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista sinalou que “no que vai de 2019 perdéronse 1.500 autónomos”, sinaladamente na industria manufactureira e no comercio, o que “da a medida do fracaso do goberno galego” no impulso ao autoemprego. Galicia perdeu un total de 2.716 autónomos os meses de abril de 2018 e 2019, co que esta Comunidade Autónoma sitúase á cabeza da perda de traballadores por conta propia.
A perda de postos de traballo, dixo, prodúcese como un goteo constante de peches de actividade, que cesan “con débedas e sen dereito á prestación por cese de actividade” debido á normativa anterior. Sinalou que grazas ao goberno socialista de Pedro Sánchez a cotización por cese de actividade é obrigatoria dende xaneiro de 2019, foron reducidos os trámites para obtela e o cobro ampliouse de 12 a 24 meses, equiparándoo á prestación por desemprego do réxime xeral.
Sen embargo, o goberno galego amósase “contento” mentres Galicia rexistra unha perda neta de emprego autónomo do 0,3 por cento, mentres no Estado xa se sitúa nunha taxa positiva do 0,4 por cento. Instou á Xunta e ao PP a “iniciar unha reflexión fonda, porque todas as medidas e propostas que din que levaron a cabo non erradicaron o problema do número de autónomos que segue a baixar”.