A deputada socialista Noela Blanco criticou hoxe o “nulo apoio” da Xunta ao Festival de Cinema de Ourense, que xunto coa “incompetencia” do alcalde poñen en risco a súa celebración por primeira vez en 23 anos. Así o dixo no debate dunha pregunta oral no Pleno do Parlamento logo de que a falla de apoio institucional puxera contra as cordas o certame.
Sinalou que o nivel de improvisación do goberno local, xunto co desleixo do goberno galego, fixeron que o encontro tivera chegado tarde para cumprir cos requisitos fixados pola nova Lei de Contratos, publicada hai 6 meses e que entrou en vigor en marzo. Criticou que Feijóo demostrara que “días de moito, vésperas de nada” ao abandonar ao evento logo de comprometerse en 2016 con máis apoio e implicación co cine galego.
Blanco reclamoulle ao conselleiro de Cultura que “deixe de ser o director de maquillaxe desta saga da incompetencia do alcalde de Ourense e se converta en produtor de solucións que garantan a continuidade e supervivencia do festival”. Lamentou que secundara hoxe ao alcalde da cidade, que “coa súa irresponsabilidade pon en risco un evento fundamental para o mundo da cultura”.
A parlamentaria ourensá puxo en dúbida a implicación do goberno galego, que habitualmente ofrece colaboración institucional para un festival organizado polo Concello. Dende que en maio se coñecera a súa situación precaria por parte do equipo do evento, a Xunta amparou que o Concello “dera tumbos, a base de ocorrencias e nefasta xestión” ata o punto de que dimitiron o director artístico e a produtora executiva.