O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista sinalou hoxe que “a cidadanía se preocupa, os profesionais reclaman, nós preguntamos e o conselleiro de Sanidade agóchase” á hora de mellorar a atención sanitaria. Así o dixo no debate dunha moción para reclamar a implantación de Hemodinámica 24 horas en Lugo e Ourense que foi rexeitada polo PP.
O parlamentario socialista sinalou que “temos aos mellores profesionais, deámoslles os recursos necesarios” para facer o seu traballo e acusou ao PP de ser “cicateiros” coa saúde pública. Esixiulle ao goberno galego que “deixen de facer electoralismo” antes de advertir que “non pensen que poden chegar a abril e anunciar o servizo de Hemodinámica 24 horas porque en xuño hai eleccións”.
Advertiu que “necesitamos atención aos infartos agudos as 24 horas en Ourense e Lugo” canto antes e, subliñou, sen agardar á convocatoria electoral porque a cidadanía necesita un recurso fundamental que “todos sabemos que se vai facer, e os mesmos profesionais o dan por feito”.
O responsable socialista reclamou neste sentido que a Xunta lle remita ao Parlamento un informe actualizado semestralmente cos datos estatísticos que, dixo, “evidencian que se trata dun servizo necesario”. Lembrou que estes datos só foron feitos públicos nunha ocasión polo goberno galego, que deixou de presentalos porque non lle daban a razón.
Acusou ao goberno galego de actuar “como o paciente ao que lle din que está enfermo e cambia de médico”, xa que, en lugar de implantar o servizo, teñen escollido “facer desaparecer os datos”. Acusounos de obviar as recomendacións das organizacións de cardioloxía e dos profesionais médicos que apuntan á necesidade deste servizo.
Traslados de infartados
Torrado reclamoulle ademais ao goberno galego que realice un estudo sobre o transporte sanitario aos afectados por infarto agudo de miocardio que determine as posibilidades de traslado aos hospitais máis achegados. Preguntou neste sentido polos motivos para que os pacientes do Salnés sexan trasladados ao seu hospital de referencia, o de Vigo, en lugar do que está máis cerca, que é o de Santiago.
Criticou que o goberno galego responda que “o 061 decide, coma se fora un ente abstracto que aparece por aí e non ten nada que ver con Sanidade”, agochando, dixo, que “hai un criterio de Sanidade que decide que se trasladen a Vigo e non a Santiago”. Acusou ao PP de estar “máis preocupados polos coches e polo diñeiro, mentres a nós preocúpannos as persoas”.
Finalmente, os socialistas reclamaron unha ambulancia medicalizada para o distrito sanitario de O Salnés durante o ano 2018 que, dixo, “vaise acabar impoñendo no Salnés”, como ten reclamado o anterior presidente da Sociedade Española de Cardioloxía e actual xefe do Servizo de Cardioloxía do Hospital de Santiago.