A parlamentaria socialista Noela Blanco acusou ao PP de tratar aos ourensáns e ourensás como “os tontos útiles dos listos inútiles” ao negarlles o servizo de Cirurxía Pediátrica 24 horas. Así o dixo logo de que o PP votara contra unha proposición non de Lei en Comisión para restaurar este servizo que fora suprimido polos recortes de Feijóo no ano 2013.
Blanco alertou de que o PP está a “poñer en risco a saúde dos que máis hai que protexer, os menores”, que fora de horas de oficina son derivados ao servizo de cirurxía pediátrica de Vigo, provocando uns retrasos inaceptables nas intervencións. Lembrou o caso do menor de Coles, que sufriu unha torsión testicular despois da supresión do servizo, en 2013, polo que tivo que agardar máis de 5 horas ata a intervención, poñendo en risco a súa integridade.
Lembrou que ata o ano 2013 había 3 cirurxáns pediátricos en Ourense, ademais do reforzo das gardas, pero logo da xubilación dun deles e a petición de traslado doutro, o servizo quedou cunha soa praza, chegando a sufrir un parón de 3 meses entre marzo e xuño de 2017 ata que se cubriu o traslado do profesional que quedara solo.
Criticou que o goberno de Feijóo “intentou vender como unha fusión de servizos o que en realidade foi unha supresión e provocou o risco real e certo” para a cidadanía. Acusou á Xunta de ter “xerado problemas onde había servizos” básicos para a cidadanía.
A responsable socialista denunciou a discriminación da cidadanía de Ourense, que ten un cirurxán para 31.480 nenos e nenas, moi lonxe do reparto de A Coruña, onde hai un cirurxán para cada 4.123 nenos e nenas. Esta provincia, lembrou, “segue sen dispoñer de Hemodinámica 24 horas, lista de agarda escandalosa nos TACs para oncolóxicos, saturación de urxencias e supresión de prazas nos centros de saúde do rural e dos hospitais de Verín e Valdeorras”.