A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta un novo Centro de Saúde para o concello de A Rúa. Blanco presenta na Cámara a demanda da veciñanza deste concello ourensán, que dende primeiros de ano estase a concentrar na porta do antigo Centro de Saúde para reivindicar unha “atención primaria digna”.
Blanco lembra que o anterior goberno municipal propúxolle á Consellería de Sanidade utilizar o actual Centro de Día, hoxe infrautilizado, para habilitar o novo Centro de Saúde, unha posibilidade rexeitada pola Xunta no seu momento. A continuación, no ano 2018, o Concello propuxo unha nova localización, pero a día de hoxe segue sen recibir ningunha resposta do Goberno autonómico.
A vila, de 5.000 habitantes e en torno a 4.000 cartillas sanitarias, dispón dun centro de saúde “antigo e insuficiente” para atender ademais a Pediatría dos concellos de Larouco, Petín, Vilamartín, O Bolo e Viana, así como o servizo de urxencias, os sábados pola mañá, para adultos e nenos e nenas de catro concellos.
A situación sanitaria do Concello é unha mostra “das mentiras, das trampas, da ocultación e da privatización indiscriminada que caracteriza á xestión sanitaria de Feijóo”. Dende que chegou ao Goberno, engadiu, “foi cambiando os concellos nos que ía construír os centros cun baile de nomes intolerable”, especialmente para aqueles que “fixeron o esforzo de poñer a dispor os terreos para cedérllelos á Xunta co compromiso de facer unhas novas infraestruturas que nunca chegan”.