Sinala que a Xunta “está a frear” a apertura das galerías subterráneas, no canto de sumarse a esta “necesaria iniciativa”
A deputada socialista Noelia Otero vén de urxir á Xunta a “axilizar” e “responder canto antes” ao proxecto remitido á Dirección Xeral de Patrimonio polo Concello de Vigo a musealización das galerías do Castro. Fíxoo, hoxe, logo de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento galego sobre esta cuestión.
“Despois de cinco meses do inicio dos trámites, o Concello de Vigo aínda agarda polo necesario visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para acometer a musealización do pasadizo”, sinalou Otero, quen lamentou que “no canto de sumarse á esta necesaria iniciativa da cidade, a Xunta está a frear a apertura das galerías subterráneas”.
A voceira socialista lembrou que foi no mes de setembro do ano pasado cando o goberno municipal remitiu a Patrimonio o proxecto e, tres meses despois, o Concello de Vigo recibía unha autorización provisional cun informe favorable, “pero no que se solicitaba reconsiderar algúns aspectos e realizar certas aclaracións”. Estas cuestións xa foron remitidas polo concello á Xunta, malia que algunhas delas “invaden as competencias municipais”.
Neste sentido, a voceira socialista lembrou que foi o Executivo central quen investiu 800.000 na recuperación das murallas e agora achegaría 1.200.000 euros para a musealización dos pasadizos. O proxecto enmárcase, sinalou, “no impulso iniciado polo goberno municipal de recuperación de O Castro nos últimos anos que xa permitiu unha nova iluminación das murallas, o reforzo da varanda do miradoiro ou a derriba do restaurante O Castelo”.
“A recuperación deste espazo para a cidadanía viguesa prevé unha ambiciosa musealización que xirará ao redor das batallas navais que tiñan lugar na ría de Vigo, así como na importancia da fortaleza de O Castro como baluarte da cidade”, sinalou Otero. “E o proxecto debería ter comezado xa”, concluíu.