As deputadas socialistas Noelia Otero e Leticia Galego visitaron hoxe a infraestrutura e lamentaron os reiterados retrasos na súa posta en marcha
A deputada socialista Noelia Otero reclámalle ao goberno galego que abra no menor tempo posible o centro de saúde de Bouzas, en Vigo. Ademais tamén lle esixe á Xunta que manteñan o número de profesionais anunciado polo conselleiro de Sanidade para esa infraestrutura e que podería sufrir un recorte, segundo as últimas previsións do SERGAS. Noelia Otero, acompañada de Leticia Gallego, visitou esta mañá o centro de saúde e alí anunciou a presentación dunha batería de iniciativas no Parlamento para trasladar estas demandas.
Noelia Otero explica que o barrio vigués de Bouzas, no que viven máis de 5.500 persoas, “leva anos agardando pola posta en marcha do centro de saúde na vila”. “Este ano”, indica a parlamentaria do PSdeG, “as veciñas e veciños asistiron a innumerables visitas de responsables do goberno galego que un tras outro foron dando falsos prazos sobre a apertura da infraestrutura”. A maiores, “tamén se foron modificando á baixa as previsións de persoal e de cupo”.
Así, Noelia Otero recorda que, “despois de moitos atrasos e incumprimentos”, o conselleiro de Sanidade, Julio Comesaña anunciou que o centro de saúde estaría finalizado en abril e abriría antes deste verán. Ao mesmo tempo, Comesaña trasladaba que o centro de saúde tería tres consultas médicas con capacidade para tres facultativos pola mañá e outros tres pola tarde, cunha posibilidade de atención de 3.900 pacientes en cada quenda.
Con todo, “pouco tempo despois chegaban os recortes” e a Conselleira de Infraestruturas atrasaba as previsións e situaba cara finais de verán a apertura do centro. Agora, xa co verán practicamente rematado, Noelia Otero lamenta que a Asociación Veciñal reciba dende o SERGAS información que apunta a novos atrasos e a un novo recorte no cupo e nos profesionais que atenderán o centro, “situando nun único médico a previsión de apertura”.
Neste contexto, a deputada viguesa do PSdeG reclama que a Xunta de Galicia aclare a data de apertura real prevista para o centro de Saúde de Bouzas. Noelia Otero tamén demanda que, como mínimo, se manteña o número de facultativos anunciados polo conselleiro de Sanidade. Serían, en concreto, tres facultativos pola mañá e tres pola tarde, “de xeito que se preste un servizo de calidade acorde coa poboación de Bouzas”.
Por último, a deputada socialista insta ao goberno galego a que se comprometa a dotar de pediatra ao centro de saúde.