A parlamentaria socialista Noelia Otero esixiulle ao director xeral da CRTVG que “rectifique para acertar” e recupere as desconexións territoriais dos informativos da TVG. Así o dixo no debate dunha pregunta na Comisión da CRTVG pola decisión de último momento de eliminar, o pasado 28 de agosto, a retransmisión en directo dunha competición de traiñeiras no Concello de Ares para emitir un partido de fútbol gaélico entre equipos irlandeses.
Otero sinala que a decisión do ente público “está a privar á cidadanía da posibilidade de recibir en galego a información da súa contorna máis inmediata”. Reclamoulle que “paren co progresivo deterioro da estrutura da CRTVG a pé de país, cun baleirado continuo de persoal que non pretende máis que relevar aos centros territoriais do ente á insignificancia”.
Apuntou que “vendo o telexornal estas semanas confirmamos o que xa advertíamos hai un mes: non hai cabida á información local, non está nin se lle espera porque perde a razón de ser en canto interese”. Sinala que “certas novas teñen moita importancia para un territorio e ningunha para o outro”.
Lembrou que este proceso de desmantelamento constitúe unha “decisión moi grave e contraria á encomenda de servizo público que ten asignada a CRTVG por Lei”. O proceso, lembrou, comezou co peche en 2010 dos centros de Pontevedra, Ferrol, Burela, Porto e Bruxelas, aos que se sumaron en 2018 a supresión das desconexións locais na Radio Galega, e xa en 2021 decidían a desaparición das desconexións territoriais da CRTVG.
O debate produciuse a raíz da decisión de último momento por parte da TVG2 de suprimir da grella a retransmisión en directo da regata da Eusko Label Liga de Traiñeiras, que se ía celebrar o pasado 28 de agosto no Concello de Ares, que tiña facilitado toda a infraestrutura para a emisión. Finalmente se atoparon con que, malia estar incluído na grella, e previsto en días antes, nun último momento emitiron “un partido de fútbol gaélico entre equipos irlandeses”.
Otero reclamou “respecto polos traballadores desprazados ata o lugar, e tamén polo propio Concello de Ares, que conta cunha ferramenta como é a radio e a televisión públicas de Galicia para darlle difusión e promoción a eventos importantes, como é o caso”. O propio Concelo trasladou e expresou formalmente o seu “total rexeitamento” á organización da CRTVG, e aprobou por unanimidade unha declaración institucional esixindo unha desculpa formal e explicacións.