A deputada socialista leva á Cámara a historia de Sara que conseguiu que o Sergas sexa condenado a pagarlle unha vaxinoplastia cuxo custe tivo que afrontar tras acudir á sanidade privada ante a imposibilidade de recibir unha resposta por parte da Xunta
A voceira de LGTBI do Grupo Socialista, Noelia Otero, denunciou a discriminación do Sergas cara a unha muller transexual ao non garantir os seus dereitos de atención sanitaria nas prácticas e terapias relacionadas coa transexualidade, tal e como esixe a lei. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, a través da presentación dunha pregunta oral ao conselleiro de Sanidade.
“Non foi un capricho e, tal e como recoñece a sentenza, a saúde psicolóxica de Sara estaba nun punto crítico tras anos pelexando”, sentenciou a voceira socialista logo de detallar a historia desta muller que conseguiu que o Sergas sexa condenado a pagarlle unha vaxinoplastia cuxo custe tivo que afrontar tras acudir á sanidade privada ante a imposibilidade de recibir unha resposta por parte da Xunta.
Isto supón, lamentou Otero, o “incumprimento” da lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais por parte da Xunta. A sentenza censura “o silencio” do Sergas que, neste tipo de situacións, subliñou, “non pode ser unha resposta”, xa que “deriva nun risco para a vida e o benestar das persoas” e, particularmente, “Sara tratou de esgotar todas as vías e non tivo resposta da administración, pese a solicitala formalmente”.
Esta historia “ilustra os atrancos e a desigualdade que padecen as persoas transexuais e simboliza, no seu caso, unha loita digna incansable por velos recoñecidos”, sentenciou a dirixente socialista. Neste sentido, lamentou, esta situación “non é un caso illado nos últimos tempos” e, de feito, a Asociación Arelas vén reclamando e denunciando as “dificultades” para acceder a datos e información por parte do Sergas para avaliar o cumprimento da lei.
Ao fío disto, o Grupo Socialista presentou unha batería de iniciativas no Parlamento para urxir ao goberno galego a garantir os dereitos das persoas transexuais, establecer mecanismos de control “máis efectivos” e eliminar as diferenzas de atención que se atopan as persoas transexuais no Sergas segundo vivan nunha provincia ou noutra.