A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista presentará unha serie de iniciativas parlamentarias para pedir dende o Parlamento “unha reprobación pública das declaracións do presidente da Xunta e manifestar coa maior rotundidade o compromiso na loita contra tódalas formas de violencia machista”.
Díaz anunciou estas iniciativas logo das declaracións de onte do presidente da Xunta, na súa xira por toda España, cando dixo que a violencia vicaria –exercida contra a muller a través dos fillos ou persoas estreitamente unidas a ela- “non é violencia machista, é violencia intrafamiliar”. Considera “profundamente preocupante” que “non só descoñeza a lexislación do país que goberna, senón que “negue con rotundidade que unha das formas máis crueis de maltrato sexa violencia machista”.
A responsable socialista sinala tamén que o presidente da Xunta “minimice o maltrato, limitándoo a un problema coa súa parella” para aludir ao caso rexistrado en Galicia do asasinato de dúas nenas a mans do seu pai para danar á parella.
A parlamentaria socialista considera “sorprendente e inexplicable” esta saída de ton do presidente da Xunta, que “pola mañá replica o discurso máis deleznable da ultradereita e pola tarde intenta matizar a través das redes sociais”. Sinala que “a ambigüidade de Feijóo non ten cabida nun representante político ao que se lle debe supor unha certa seriedade, e moito menos nun asunto da gravidade como é a violencia machista”.
Lembra que o Parlamento aprobou por unanimidade unha modificación lexislativa, en xullo de 2021, para introducir á violencia vicaria como unha forma máis de violencia machista, nunha votación que contou ademais coa participación do mesmo presidente da Xunta que onte mesmo negaba este tipo de violencia. Apuntou que as afirmacións de Feijóo pretendían respaldar ao conselleiro andaluz, un goberno sostido precisamente polos votos de Vox.