A voceira de Igualdade do Grupo Socialista denuncia que o plan “é de obrigada implantación” dende 2007, pero en Galicia “levamos 13 anos agardando por unha medida que elimine a discriminación por razón de sexo na administración pública”
Noa Díaz, voceira de Igualdade, vén de urxir ao goberno galego o plan de igualdade “obrigatorio” na administración xeral da Xunta. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento a través da presentación dunha pregunta á conselleira de Emprego e Igualdade.
“Deixen os brindes ao sol e garantan a igualdade entre o seu persoal”, sentenciou a voceira socialista, quen subliñou que o plan “é de obrigada implantación” dende 2007, pero en Galicia “levamos 13 anos agardando por unha medida que elimine a discriminación por razón de sexo na administración pública”.
Díaz sinalou que “non é de recibo que miles de traballadoras e traballadores da administración autonómica non dispoñan do citado plan de igualdade, tal e como marca a lei”. “Canto tempo máis pensa o goberno galego demorar a súa posta en marcha?”, preguntou a responsable socialista.
Nesta liña, lamentou a falla de “exemplaridade” do goberno que “non é quen de elaborar un plan que garanta a igualdade entre todo o seu persoal”, pero logo “ofrece ferramentas tecnolóxicas ás empresas para que poidan facerse autodiagnoses en igualdade”. “Desculpen, danos a risa”, sentenciou.
Finalmente, a responsable socialista criticou que, hai un mes e medio, a propia conselleira presidiu a Comisión Interdepartamental da Igualdade, “pero desta vez tampouco o plan figuraba na orde do día”.