Denuncia o “desleixo” do goberno galego sobre o rural e pide un “esforzo inversor” en beneficio do desenvolvemento económico
A deputada santiaguesa Noa Díaz demandou hoxe á Xunta a financiar o arranxo das pistas das concentracións parcelarias de Gorgullos e Viladabade, en Tordoia, onde mantivo unha xuntanza co voceiro municipal socialista, Tomás Castro.
“Esta cuestión é prioritaria para o municipio de Tordoia, xa que as reorganizacións parcelarias datan de finais dos anos 60 e, durante todo este tempo, estiveron abandonadas tanto polo concello como pola Xunta”, sentenciou a responsable socialista.
Ao fío disto, a socialista denunciou o “desleixo” do goberno galego con respecto ao concellos do rural, onde “as vías de comunicación son vitais para poder traballar as parcelas de alta importancia agraria”, como é o caso de Tordoia, onde “a actividade agrícola e gandeira constitúe o sustento principal da economía de moitas familias e a produción láctea é das máis importantes de Galicia”.
Neste sentido, Díaz sinalou que o Grupo Socialista xa presentara emendas aos orzamentos da Xunta de 2022 “para pór fin a este abandono e urxirlle a que leve a cabo unha inversión imprescindible para o desenvolvemento económico” de moitos municipios. Agora, avanzou, o PSdeG levará ao Parlamento unha batería de iniciativas para axilizar esta cuestión.
Por último, a dirixente socialista reivindicou o peso das máis de 7.000 explotacións lácteas galegas que producen cada ano 2,8 millóns de toneladas de leite. O sector, incidiu, xera máis de 20.000 empregos e achega o 1,5% do PIB galego. “Estas cifras fan que Galicia sexa a rexión máis produtora de España e se manteña entre as dez primeiras de Europa”, concluíu.