Reivindica as emendas do PSdeG incluídas no novo texto lexislativo para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero que poñen o foco na educación, na investigación e en mecanismos “áxiles e urxentes” de control
A voceira de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, solicitou á Xunta “a maior das atencións” para traballar na prevención e sensibilización da violencia de xénero dixital, especialmente entre adolescentes. Fíxoo, hoxe, durante o debate do ditame da reforma da lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero que coincide no mes de novembro, “tristemente dedicado á violencia machista”.
Sobre o novo texto lexislativo aprobado tralo debate por unanimidade no Parlamento de Galicia, o Grupo Socialista realizou 5 emendas, das que 4 foron aprobadas, para instar ao goberno pór o foco na educación, investigación e en mecanismos de control sobre este tipo de violencia.
Así, no eido da investigación, o PSdeG introduciu no articulado que se potencie a investigación sobre a violencia dixital “tendo en conta que é algo moi novo e que desgraciadamente viu para quedar”.
En canto ao ámbito educativo, o Grupo Socialista engadiu ao texto a “importancia” de impulsar actividades dirixidas á comunidade escolar para a prevención deste tipo de comportamentos, así como da realización de campañas de sensibilización e formación da poboación xuvenil.
Por último, a dirixente socialista aplaudiu que se incluíse tamén na lei a proposta socialista para que o goberno galego “impulse”, coas principais plataformas intermediarias de Internet, acordos de colaboración co fin de establecer criterios e mecanismos “áxiles e urxentes” de denuncia e retirada de contidos relacionados coa valencia de xénero dixital.
QUEDA FÓRA DA LEI O TERMO “MISOXINIA”
Fóra da lei quedou a inclusión do termo “misoxinia”, cuestión que foi solicitada polo Grupo Socialista, ao considerar que “non falamos só de sextorsión, grooming, ciberacoso… temos que falar tamén doutro tipo de actitudes de odio nas redes sociais” como, por exemplo, o concepto “manosfera” que engloba “conceptualizacións dunhas masculinidades, que non son novas senón moi arcaicas”.
Neste sentido, a responsable socialista sacou á luz o último informe de ‘Save the children’ sobre violencia de xénero entre adolescentes que pon de manifesto que “a xuventude expresa un maior acoso sexual a través das tecnoloxías, xerando novas formas de violencia que van máis aló do ciberacoso ou cibercontrol”.
De feito, subliñou, “falan xa de novas formas de control social que se expanden pola rede como a cibermisoxinia” ou “a ciberviolencia simbólica” que “busca converter en obxectos sexuais as mulleres”.
A tal punto chegou a cuestión, lamentou Díaz, que “determinadas condutas ou patróns de uso de internet, en vez de ser interpretados como prácticas de risco, non se perciben como un perigo, senón como algo normal”. Esta casuística, “afortunadamente”, reivindicou, foi incorporada na lei de infancia aprobada a nivel estatal no Congreso dos Deputados.
“Fai falla, unha vez tipificada esta violencia na lei, que traballemos tamén na prevención e pedagoxía”, concluíu a dirixente socialista tras sinalar que existe unha percepción “moi baixa” dos efectos negativos destas conductas”.