A parlamentaria socialista Noa Díaz vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias par reclamarlle á Xunta que “deixe de marear a perdiz” e constrúa o novo Centro de Saúde de Teo “canto antes”. Díaz lamenta o “espectáculo bochornoso” de Sanidade, que vén de anunciar a paralización do proxecto previsto en A Ramallosa, coa parcela cedida dende 2005.
A responsable socialista sinala que o centro debe ser construído sen desatender á poboación de Os Tilos, 2.350 persoas atendidas nun centro de saúde na mesma urbanización dende 1994. A cidadanía comezou unha protesta para manter abertas as instalacións en contra das previsións da Consellería, que quería pechar o centro en canto construíra o centro de A Ramallosa, a 8 quilómetros de distancia e con transporte público deficitario.
Díaz denuncia que con esta nova decisión “estamos diante dunha nova disputa electoral coa que a veciñanza de Teo vai continuar desprovista de instalacións sanitarias de calidade debido aos vaivéns duns gobernos que non parecen ter claras agora as súas prioridades”. Pregunta “por que o proxecto que hai meses era óptimo hoxe xa non o é”, e lamenta a “disputa por un maior espazo político” mentres a veciñanza padece “un maior retraso na construción dun centro moi necesario”.
Explica que este cambio de parecer “de última hora” sobre o centro proxectado en A Ramallosa contradí o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, elaborado por un goberno do PP na Xunta para construír as futuras instalacións nun terreo cedido en 2005 por un daquela alcalde do PP.
Noa Díaz lembra ademais que “foi o PP quen votou no Parlamento en contra da iniciativa socialista instando á Xunta a “modificar o Plan de Infraestruturas Sanitarias” para construír o centro de A Ramallosa pero mantendo o centro de Os Tilos.