A portavoz de Educación do Grupo Socialista, Noa Díaz, vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que paralice a supresión dunha das 3 aulas de cuarto curso de Primaria do CEIP A Igrexa, de Calo –Teo-. Díaz sinala o “inaxeitado” desta decisión, que non fai máis que complicar a situación escolar coas restricións derivadas da pandemia.
O cambio de criterio con vistas ao próximo curso provocará que teñan que conformar dúas aulas de 25 alumnos cada unha, que aínda que entra nos parámetros legais, vén complicar a xestión das aulas “coas medidas restritivas acordadas”. Sinaladamente, engade, nun nivel educativo que ten máis dun dez por cento de estudantes con necesidades educativas especiais, entre eles dous con trastorno de espectro autista.
A responsable socialista leva ao Parlamento o malestar de toda a comunidade educativa do centro e da Anpa A Rabadela, e a preocupación da concelleira de Educación do concello, a socialista Mayte Argibay. Lembran que o desdobramento en tres unidades do curo fora unha decisión referendada pola anterior inspección educativa, entendendo a complexidade de atender ás necesidades pedagóxicas de todo o alumnado.
Noa Díaz reclama, a través dunha serie de iniciativas parlamentarias, o mantemento das tres aulas no cuarto curso de Primaria no centro, “á vez de asegurar o persoal de apoio suficiente para satisfacer as necesidades pedagóxicas do alumnado con necesidades especiais”.