Lamenta a “lentitude” do goberno galego na elaboración dos novos procedementos cando transcorreu máis dun ano dende que se aprobou unha proposición non de lei neste sentido por unanimidade na Cámara galega
A deputada socialista Noa Díaz volveu hoxe urxir á Xunta que axilice unha mesa de traballo interinstitucional coa fin de elaborar un protocolo de atención ás familias en caso de accidente, tal e como se acordou entre os tres grupos parlamentarios por unanimidade o pasado 25 de febreiro de 2021 na Cámara galega.
A dirixente socialista, que levou hoxe a cuestión á Comisión de Sanidade do Parlamento, a través dunha pregunta oral ao Executivo galego, lamentou a “lentitude” do procedemento do que “nada sabemos” máis dun ano despois da aprobación dunha proposición non de lei do Grupo Socialista, ratificada por PP e BNG, para que o goberno galego se comprometa a ofrecer ás familias, en caso de falecemento dun familiar por circunstancia sobrevida, coidados e apoios emocionais para garantir estabilidade no primeiro momento de dó.
Neste marco, Díaz lembrou que esta iniciativa chegou ao fío do caso da compostelá Esperanza Rodríguez, quen asistiu hoxe á sede parlamentaria convidada polo PSdeG para ver a comisión, tras perder ao seu fillo Pablo, de 31 anos, nun accidente de tráfico no Carballiño no ano 2017 nunha consecución de “desgraciados infortunios encadeados”.
“Ela foi quen de converter xenerosamente a súa inmensa dor, que lamentablemente continúa intacta, nunha xusta reivindicación para que todo o que ela e os seus tiveron que pasar non se volva repetir”, loou Díaz, quen amosou a súa “preocupación” porque o goberno galego se negase a incluír esta cuestión no ditame da comisión non permanente especial de estudo sobre a seguridade viaria en Galicia. “É un traballo moi recente e non atopamos razón para explicar esa negativa”, incidiu.
“Por xustiza, a loita de Esperanza, a nai de Pablo, todas e todos nós temos que a facer nosa porque o único que busca é mellorar os procedementos de atención en caso de accidentes coa finalidade de aliviar a dor e o sufrimento das familias galegas. Porque calquera día calquera de nós podemos ser ela”, concluíu a socialista.