A parlamentaria socialista Noa Díaz anunciou hoxe unha serie de iniciativas parlamentarias relativas ás obrigas da Xunta coa comarca de O Sar, e que pasan por garantir que a futura residencia da terceira idade en Padrón dispoña de prazas públicas. Así o dixo logo dun encontro co Grupo Municipal do PSdeG de Padrón, encabezado polo portavoz, Camilo Forján, no que fixaron a axenda de necesidades para a comarca que Díaz presentará na Cámara autonómica.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que garanta prazas de titularidade pública para os maiores de Padrón, logo de asinar no pasado mes de outubro un convenio co concello para a elaboración do proxecto dunha nova residencia nunha comarca que “carece desta infraestrutura”. Os socialistas galegos tamén pedirán o apoio do goberno galego á disposición dunha nova Biblioteca Pública Municipal e que recupere o Programa Integrado de Emprego.
Díaz chamou ao goberno galego a “implicarse na recuperación do Castro Valente e da Rocha Branca”, dous bens patrimoniais fundamentais para a comarca, e que aborde os problemas xerados polo ruído que provoca a subestación eléctrica de Fenosa. O Grupo socialista demanda ademais un plan do Executivo autonómico para “facer chegar a rede de saneamento a tódalas zonas rurais”.