A parlamentaria do PSdeG esíxelle á Xunta que soluciona o “grave problema” que supón a carencia de profesorado para ofertar unha educación pública de calidade
A deputada socialista Noa Díaz vén de presentar unha serie de propostas no Parlamento autonómico para que a Xunta de Galicia dote do profesorado necesario aos CEIP Monte dos Postes e As Fontiñas, en Compostela. Desta maneira, Noa Díaz recolle as demandas de nais e pais do alumnado destes dous centros, que levan semanas denunciando os prexuízos que lles está a ocasionar a falta de docentes.
Así, parlamentaria compostelá sinala que esta situación supón un “grave problema” para as familias e para ofertar unha educación pública de calidade acorde a métodos pedagóxicos axeitados. Entre outras cuestións, Noa Díaz alerta de que estes dous centros se ven obrigados a compartir parte do corpo docente, o que deixa a algunhas clases sen titorías a tempo completo.
A deputada do PSdeG lembra que as medidas sanitarias e de protección fronte á covid obrigan a unha organización similar á do curso pasado en canto a distribución de espazos e sobre todo de profesorado. E por iso, “non se entende que nun ano como o actual, cunha achega extraordinaria de fondos que o Goberno galego debería dedicar a educación, moitos centros educativos en Galicia se atopen con problemas de falla de docentes”.
No caso dos CEIP Monte dos Postes e As Fontiñas, este curso teñen que compartir profesorado, de maneira que o centro As Fontiñas conta con 12 titores para 13 aulas e en Monte dos Postes faltan por completar 3 dedicacións. Neste contexto, Noa Díaz denuncia que “a falla de profesorado, da que son coñecedores todos os organismos implicados da Consellaría de Educación, provoca problemas lóxicos de índole pedagóxica”.
Así, salienta que “se dan circunstancias tan sorprendentes e impensables” como, por exemplo, que unha aula de segundo curso de Primaria do CEIP Monte dos Postes conte este curso con 8 docentes cando a Xunta aprobara en xuño un desdobre que non resolveu correctamente, “co prexuízo lóxico para o centro”.
Noa Díaz salienta que o alumnado matriculado nos dous centros con respecto ao ano pasado non diminuíu, e polo tanto, a dotación persoal debería manterse ou mellorarse. A maiores, a itinerancia do profesorado entre estes dous centros afecta tamén ás prazas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe.
“Isto afecta”, prosegue a deputada, “ao alumnado con necesidades educativas especiais”, tendo en conta ademais que, no caso concreto do CEIP das Fontiñas, cada alumna ou alumno que se matriculou de forma extraordinaria ten necesidades específicas de apoio educativo.