A voceira de Cultura defendeu unha moción para que o goberno galego elabore un plan de actuación con datas e prazos concretos para apuntalar esta e as outras candidaturas galegas tras anos facendo “pouco ou nada”
A voceira de Cultura do PSdeG, Noa Díaz, lamentou hoxe que o Partido Popular votase en contra da proposta socialista para fortalecer a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial, “unha nova mostra do desleixo e da falta de compromiso” co que se tratou este asunto nos últimos anos por parte do goberno galego.
Na súa proposta, Noa Díaz esixíalle á Xunta que presente no Parlamento un plan de actuación con prazos e datas concretas para a elaboración dos proxectos das candidaturas pendentes de declaración como Patrimonio da Humanidade. De maneira máis específica, a deputada socialista esixía “unha folla de ruta” para a proposta da Ribeira Sacra, que foi rexeitada pola Unesco debido “ao fracaso” da Xunta na súa xestión.
Nesta liña, Noa Díaz lamentou que a Xunta aínda acabe de publicar agora no DOG un Plan de Acción para a paisaxe da Ribeira Sacra. Trátase dunha circunstancia que exemplifica de maneira moi clara “o desleixo do goberno galego” cunha Ribeira Sacra “que nin sequera conta cun plan de protección paisaxística, cultural ou turística”.
Así, a deputada socialista lamentou que “todos os erros cometidos polo goberno galego levan a que teñamos que agardar a volver presentar a candidatura, con outras tres propostas máis de Galicia agardando” -a dos Ancares-Somiedo, o Ferrol da Ilustración e o Parque Nacional das Illas Atlánticas-Illas Cíes-. Neste escenario, expresou a súa preocupación pola falta dun plan definido para a Ribeira Sacra que sirva de exemplo para as demais e “que permita ir protexendo a candidatura de malas decisións e actuacións”.
Ao fío diso, lembrou que son imprescindibles plans estratéxicos de desenvolvemento socioeconómico, cultural e turístico, acorde a uns estándares de calidade e sustentabilidade. “Non chega”, engadiu, “con presentarnos a un premio, senón que hai que ir facendo esforzos e implicarse con compromisos rigorosos e cuantificables porque só así nos aseguraremos o éxito”.
Ao mesmo tempo, Noa Díaz criticou que que o Partido Popular tente “confundir á sociedade galega co papel do goberno de España” neste tema. “É certo”, explicou, “que a candidatura a presenta España, pero quen fai o traballo de campo e os informes é o goberno galego”.
PLAN DE ACTUACIÓN
Tal e como explicou a deputada socialista, o plan de actuación que propoñía o PSdeG debía servir –entre outras cuestións- para consensuar o modelo a impulsar coa poboación, as institucións e os axentes culturais e socioeconómicos locais, así como para implicar a esa poboación no modelo turístico, con programas de cualificación e formación de todo o persoal dedicado á atención de visitantes en todos os sectores afectados polo turismo.
Ao mesmo tempo, tamén avogaba por contemplar programas de recuperación, rehabilitación e restauración do patrimonio cultural e natural; elaborar un estudo rigoroso sobre o nivel de carga de visitantes que o territorio e o patrimonio poden soportar sen deterioro significativo; e establecer mecanismos de control periódicos e vías específicas de asesoramento cos Concellos sobre accións turísticas, construtivas, ambientais e patrimoniais que poden resultar lesivas para o territorio afectado.
PROPOSTAS PARA A RIBEIRA SACRA
De maneira específica, con respecto ao proxecto da candidatura da Ribeira Sacra, Noa Díaz propoñía manter informada a poboación da Ribeira Sacra así como os seus entes locais, axentes culturais e socioeconómicos e Deputacións sobre a nova estratexia da candidatura.
Neste senso, reclamou que antes de que remate o ano se faga público o ‘Plan Ribeira Sacra. Plan de Xestión da Paisaxe cultural’ e que se informe detalladamente aos Concellos e Deputacións afectadas das accións e investimentos a desenvolver ata 2023 concretando a orixe e destino orzamentario para cada exercicio.
En caso de que non exista, “que é o que nos tememos”, Noa Díaz instou ao goberno galego a elaborar un plan estratéxico que protexa a zona e planifique o seu desenvolvemento en todas as súas vertentes de xeito harmonizado.
Neste contexto, sinalou que tamén cómpre fomentar políticas activas sobre todo o patrimonio da Ribeira Sacra e potenciar o Camiño de Inverno impulsando a creación ou rehabilitación de suficientes infraestruturas que o fagan atractivo e accesible.
Por último, a deputada socialista expresou o seu desexo de que esta semana a Unesco decida que o espazo natural conformado pola Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel sexa declarado Reserva da Biosfera. “Non poderiamos cun fracaso máis”, sentenciou.