Cualificou de incomprensibles este tipo de decisións que seguen “asfixiando os galegos e galegas que deciden non vivir nas cidades”
A deputada socialista Noa Díaz lamentou hoxe que o PP votase en contra de reclamarlle á Xunta que modifique o Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria do Sergas co obxectivo de que a construción do novo centro de saúde de Teo non implique a desaparición do centro dos Tilos, nesa mesma localidade.
Neste escenario, Noa Díaz preguntou se o PP e o Goberno galego son conscientes “da merma do servizo sanitario que ese peche suporía para a poboación dos Tilos ou se teñen calculado o custe ou o aforro”, posto que “os e as profesionais serían os mesmos”.
“De non rectificar esa decisión”, alertou, “as persoas usuarias van ter que desprazarse máis de seis quilómetros para recibir atención primaria, nun percorrido que depende ademais dun transporte público deficitario”. En paralelo, remarcou que outra proba da necesidade da permanencia dese centro é “a lista de agarda que existe para poder dispor de médico de familia”.
Neste contexto, lamentou que cada vez sexa “máis complicado soster os discursos grandilocuentes acerca do excelente estado de saúde da nosa sanidade pública”, sobre todo cando isto “vai unido ao servizo sanitario que se presta en núcleos de contornas non urbanas, onde a calidade de vida é cada vez menor”.
Por iso, nun contexto de dispersión poboacional, Noa Díaz puxo de relevo “a importancia” de seguir mantendo ese centro de saúde dos Tilos. “Podemos compartir a necesidade de optimizar recursos”, afirmou, “pero non a costa do que xa funciona e dá servizo, neste caso, a preto de 2.500 persoas”.
Así, cualificou de aínda máis incomprensibles este tipo de decisións cando seguen “asfixiando os galegos e galegas que deciden non vivir nas cidades”, xa non só no rural senón nunha contorna periurbana como a dos Tilos.
Polo, miúdo, Noa Díaz indicou que “nós o propoñemos é que continúen os servizos que agora se ofrecen nos Tilos -mellorándoos, por suposto- e que as persoas usuarias poidan trasladarse ao novo centro para outros servizos novos como a saúde bucodental”.
Na súa intervención, a deputada compostelá lembrou que, na súa segunda fase, o Plan contempla a construción dun gran centro de saúde na Ramallosa. Porén, esta proposta implica a desaparición dos equipamentos de Cacheiras e Os Tilos, unha urbanización (esta última) na que viven 2.350 persoas e que dispón desa instalación sanitaria dende o ano 1994.
Ao fío disto, Noa Díaz insistiu en que “non discutimos en absoluto a necesidade dese Centro de Saúde integrado”. Con todo, avogou pola permanencia do que existe nos Tilos, configurado como un pequeno centro poboacional que ten preto de 2.500 usuarios, e cunhas comunicacións moi deficitarias para acudir ao novo centro de saúde en caso de pechar o seu”.
Asemade, recordou que “diante desta decisión, son xa máis de medio millar as sinaturas recollidas pola veciñanza en oposición ao peche dun centro que na actualidade conta con dous facultativos de medicina de familia, dous de enfermaría e un servizo compartido de matrona e pediatría”. Nunha reivindicación que o Grupo Socialista “comparte”, a veciñanza demanda a rectificación do plan en relación co seu centro de saúde para así prestar a asistencia e prevención máis axeitada ás persoas usuarias que precisan controis periódicos dadas as súas patoloxías.
Nesta liña, fixo súa a afirmación da voceira do grupo municipal socialista en Teo, Uxía Lemus na que incide na necesidade de que Teo dea o salto ao século XXI na saúde pública, “pero non a costa dunha urbanización que vai perdendo calidade de vida”.
Por último, Noa Díaz manifestou que no Grupo Socialista “apoiamos a racionalización dos recursos públicos, pero iso non pode nunca supor unha mingua dos servizos xa existentes en zonas nas que efectivamente existe unha demanda máis que contrastada”.