A parlamentaria socialista Noa Díaz esixiulle hoxe á Consellería de Educación que asuma a construción da cuberta do patio do CEIP Nicolás del Río de Cedeira. Díaz presentou unha pregunta oral na Comisión de Educación do Parlamento de Galicia na que lle reclamou ao Executivo que atenda á petición do Concello, que hai un ano pediu un encontro para tratar unha obra fundamental para os alumnos e alumnas.
“Contemplen a cobertura do patio e manteñan conversas co Concello para que a obra poida desenvolverse”, resumiu Noa Díaz logo de afearlle ao goberno galego a súa negativa a manter un encontro co Concello e a comunidade educativa para coñecer das necesidades de desenvolvemento do centro. A responsable socialista defendeu esta proposta logo dun encontro co alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, que viaxou hoxe a Santiago para asistir ao debate.
A responsable socialista presentou no Parlamento a demanda do Concello, que vén de acordar por unanimidade a petición desta obra “facéndose eco de toda a comunidade educativa”, e que permitiría garantir que os alumnos contaran cun “lugar exterior, máis cuberto, para a súa actividade física e de lecer”. Lembra que o Concello estaría disposto a asumir a reparación do pavimento e convertelo nun espazo inclusivo aproveitado polos nenos e nenas de quinto e sexto.
Lembra que o Concello xa se ten feito cargo de “varias obras que non eran da súa competencia”, como é o caso da construción de dous parques infantís, que deberan ser acometidos pola administración autonómica. Sen embargo, a construción da cobertura do patio “supón unha obra maior á que o Concello non pode facer fronte” máxime cando, lembrou, a súa competencia limítase á conservación, mantemento e reparación das instalacións.
Explicou que o patio é empregado polos nenos e nenas de quinto e sexto de Primaria, e constitúe un “lugar ideal para desenvolver nel as aulas de Educación Física, os recreos, festividades marcadas no calendario escolar e calquera outra actividade exterior”. Sen embargo, o espazo “está sendo na actualidade infrautilizado, pois non está cuberto”, o que complica o seu uso na maioría do tempo, dada a climatoloxía do Concello.
Sinalou ademais que “o propósito é comezar a mudar as distribucións tradicionais dos patios, onde as pistas deportivas ocupaban a maior parte da zona exterior do centro, e construír outros modelos totalmente accesibles e inclusivos coa fin de que o alumnado utilice as instalacións de xeito igualitario e onde se garanta a participación no xogo de todos e todas”.