A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, presentou no Pleno do Parlamento celebrado hoxe unha interpelación para denunciar o “puro machismo” do goberno galego na constitución da Sociedade para o desenvolvemento post covid, integrada unicamente por homes. Díaz denunciou a ausencia desta foto por exemplo das responsables de Emprego, Política Soical, Mar ou Medio Ambiente e Territorio.
Si que están sen embargo ben representados os conselleiros de Economía, que preside este órgano público – privado (no que o goberno galego ten o 40 por cento do capital), xunto cos conselleiros de Facenda e do Medio Rural. Nin rastro das conselleiras porque, criticou, “deben considerar que as mulleres non sabemos disto, pretenderán que quedemos na casa coidando dos nosos e atentas ás tarefas do fogar, que xa veñen os homes a decidir o mellor para nós e para o noso país”.
Sinalou que “non hai escusa” e esixiu que “se deixen de discursos baleiros sobre igualdade e se comprometan verdadeiramente con ela, asegurando unha presenza equilibrada de mulleres en tódolos centros de xestión da pandemia e nos centros de xestión e decisión, e aínda máis nos que traballen na saída da crise”. Apuntou que “só así poderá garantirse unha visión feminista e a inclusión da perspectiva de xénero nas accións de recuperación e reactivación”.
Advertiu que “non nos tomen por parvas para intentarnos convencer que xa tiñan pensado incluír mulleres” logo da “xustificación titubeante e absurda do presidente da Xunta”, dixo lembrando a resposta da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. Advertiu de que “se houbese vontade, pediría desculpas e rectificaría de inmediato: o contrario é reafirmar un discurso machista”.
Lamentou que o conselleiro de Economía, lonxe de pedir desculpas, “reafirmou co seu discurso o machismo do PP”. Esixiulle ao presidente da Xunta e ao goberno galego que “fagan seu o discurso feminista, que por se fixese falta lles recordo que só busca a igualdade. Mellor nos iría a todas sen lugar a dúbidas”. Así o dixo logo de denunciar a “escasa exemplaridade” amosada polo goberno galego á hora de cumprir cos principios de paridade.
Noa Díaz lembrou que de 12 carteiras de goberno, incluíndo ao presidente da Xunta, só 5 son mulleres, os catro delegados territoriais en cada unha das provincias son homes, e tan só hai 22 mulleres dun total de 65 altos cargos do goberno galego. Ademais, entre a plantilla de directores e secretarios xerais só 17 de 42 son mulleres, con casos estremos coma os das consellerías de Cultura, Medio Rural e Facenda, que non teñen nin unha soa muller neses postos.