Cualifica de “indecente” o procedemento cando aínda non se fixo pública a resolución do programa Emega e “están confundido” ás mulleres con que a súa axuda pode depender da asistencia a este acto
A voceira de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, denunciou hoxe, a través dunha batería de iniciativas presentadas no Parlamento, a vulneración da normativa de protección de datos por parte da Consellería de Emprego e Igualdade ao usar os datos facilitados por emprendedoras para optar a unha subvención pública “para encher un acto propagandístico da Xunta”.
“É absolutamente indecente que os datos facilitados por mulleres para optar a unha subvención pública para o fomento do emprendemento feminino sexan empregados pola Xunta para tentar encher este sábado un auditorio na Coruña nun acto do goberno galego”, censurou a dirixente socialista.
Neste sentido, Díaz cualificou como “inaudito” que as mulleres solicitantes das axudas estean sendo convocadas a asistir ao acto de conmemoración do XXV aniversario do programa Emega “por parte dunha empresa privada de organización de eventos que emprega eses datos de contacto cando, loxicamente, non foron facilitados para ese fin”.
Tendo en conta que aínda no se fixeron públicas as resolucións das axudas, incidiu, “estas chamadas están confundido ás mulleres solicitantes con que a súa axuda pode depender da súa asistencia ou non ao acto”, o cal “pode entenderse como unha coacción ou unha medida de presión que é intolerable”.
Por todo isto e “para que non haxa maior confusión”, a voceira socialista urxiu ao goberno galego a clarexar a situación e publicar “mañá mesmo” a resolución desta convocatoria cando ademais “normalmente as persoas beneficiarias destas axudas coñecíanse a finais do mes do outubro”.