Alerta dunha “menor calidade do servizo prestado” e do “hastío do persoal, farto e canso de ver como unha situación anómala xa está convertida en tendencia”
A deputada socialista Noa Díaz vén de denunciar a temporalidade e a precariedade laboral na CRTVG. Fíxoo, hoxe, na comisión permanente do ente cunha pregunta ao seu director xeral.
“A precariedade laboral da CRTVG segue a ser algo endémico ao que tería que poñerse solución inmediata, xa que presenta problemas estruturais serios que pola forza teñen que afectar á calidade do servizo”, sentenciou a voceira socialista, quen alertou do “hastío do persoal, farto e canso de ver como unha situación anómala xa está convertida en tendencia”.
As únicas contratacións que se están a cubrir son as incapacidades temporais de longa duración e os de persoal traballador que se xubila, e na maior parte das ocasións estes contratos fanse a tempo parcial ata o punto que existe persoal con máis de 20 anos de experiencia que está contratado baixo esta fórmula.
Ao fío disto, lembrou que o ente se atopa “inmerso no proceso de negociación da OPE, que parece alongarse demais, pero mentres isto non se resolve, teñen vostedes pensada algunha solución urxente? A realidade é que a conflitividade laboral da CRTVG se resolve a golpe de denuncias, o que supón “provisións de cartos das arcas públicas para pagar indemnizacións por non xestionar de xeito correcto a contratación”.
Fronte a isto, incidiu, existen prazas vacantes que se poderían cubrir “dotando de estabilidade o persoal e evitando a concatenación de contratos e novas fraudes”, polo que urxiu á CRTVG a “racionalizar e organizar mellor os recursos humanos” e converter a estabilidade laboral nunha “prioridade” para a corporación pública.