Esíxelle á Axencia “seriedade, rigor e pulcritude” tras evidenciar eivas na tramitación e a fiscalización de 700.000 euros para a realización de sete festivais de orquestras
A deputada socialista Noa Díaz denunciou hoxe a absoluta e total falta de control e transparencia da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) na xestión dos fondos públicos dedicados a apoiar aos sectores máis afectados pola pandemia.
Fíxoo esta mañá na Comisión de Cultura, onde lle pediu explicacións ao director xeral da Agadic sobre os convenios asinados con dúas asociacións de orquestras e empresas de verbenas para a realización de sete festivais en diferentes cidades da comunidade. Estes acordos provocan “unha tremenda desconfianza” debido a que nos mesmos non se lles impón “nin a máis mínima condición esixible a un sector cultural, como o da música de orquestras”.
Por iso, ante a absoluta falta de respostas ás dúbidas suscitadas polo PSdeG, Noa Díaz censurou a “inaceptable opacidade” deste organismo do goberno galego con respecto á tramitación e ao destino dun total de 700.000 euros para financiar estas actividades.
Polo miúdo, Noa Diaz relatou que a Axencia subscribiu o pasado mes de xullo un convenio coa Asociación Galega de Orquestras (AGO) e coa Asociación de Empresas de Verbena de Galicia (Asevega) para a realización de máis de 100 concertos e probas piloto enmarcadas no Xacobeo 21-22. Xa en setembro, a Xunta de Galicia anunciaba a ampliación deste acordo para a celebración de sete festivais no que participarían 50 orquestras en sete cidades e vila galegas.
Desta maneira, triplicábase a dotación inicial de 400.000 euros ata chegar a 1,24 millóns de euros. Da nova inxección económica, 700.000 se destinarían á organización deses macrofestivais. Porén, e malia os anuncios realizados, a día de hoxe a Xunta de Galicia segue sen aclarar cando e en que condicións se asinou.
Tamén segue sen aclararse o destino deses 700.000 euros ou como foi o seu reparto e a súa fiscalización. “Se non teñen nada que agochar”, inquiriu, “por que este secretismo?” Neste contexto, Noa Díaz manifestou a súa “enorme preocupación” pola forma de traballar da Agadic, xa que “estamos a falar de 700.000 euros que semella foron repartidos de maneira discrecional e con absoluta falta de transparencia”.
A maiores, afondou no feito de que todas estas dúbidas sen resposta “debuxan un escenario escuro de xestión de fondos públicos, algo que nos preocupa e inquieta sempre, pero aínda máis cando falamos de fondos culturais que deberían distribuírse con rigor entre un sector que aínda non se recuperou desta crise”.
Nesta mesma liña, Noa Díaz recolleu tamén as críticas de empresas do sector, que non son socias de ningunha das dúas asociacións, e que “descoñecen cales foron as condicións para participar neses festivais” ou incluso “se se respectaron as mínimas condicións profesionais esixidas, como que a música fose en directo”. “Considera que o ‘playback’ é cultura?”, preguntou Noa Díaz, coñecedora de como se desenvolveron certas actuacións.
MEDIDAS INEFICACES PARA APOIAR ÁS EMPRESAS DO SECTOR
En paralelo, Noa Díaz expresou a súas dúbidas sobre a eficacia deste tipo de festivais para contribuír á reactivación e ao mantemento do emprego no sector. “Como se contribúe a iso”, inquiriu, “cun único concerto no que os músicos e o persoal técnico van cobrar o mesmo de sempre?”
Conscientes das necesidades laborais do sector musical das verbenas, “fortemente prexudicadas pola pandemia”, Noa Díaz considerou “moito máis efectivo” destinar eses 700.000 euros ao aumento do crédito para fomentar a contratación de orquestras por parte doutras entidades mediante a subvención do 40 % do custe dos cachés.
Doutra banda, tamén recolleu a proposta de Amproega –cos que mantivo hoxe unha reunión- de “facer algo semellante ao que se fai coa Rede Galega de Música ao Vivo e Galescena” e que Agadic funcione como facilitadora dun circuíto para a contratación desas orquestras, “algo que non estaría sometido á pertenza ou non a ningunha asociación”.
No canto de tomar medidas deste tipo, a parlamentaria socialista lamentou que a Xunta preferise “artellar esta pantomima que semellou máis ter calado a dúas asociacións que unha preocupación real por un sector no que traballan miles de persoas no noso país”.