A deputada socialista urxe “solucións urxentes” diante da morte da cría do marisco que “compromete” a campaña extractiva dos traballadores e traballadoras do marisqueo no municipio
A socialista Noa Díaz vén de visitar Rianxo para avaliar as necesidades do concello, xunto á voceira socialista e tenente de alcalde no municipio, María del Carmen Figueira.
Díaz criticou o “desleixo e abandono” da Xunta co Concello de Rianxo que, ao igual que outros moitos municipios galegos, “están afogados”, xa que “asumen unha cantidade inxente de competencias que non lle son propias, a conta dos seus propios orzamentos e sen ningún tipo de aportación por parte do gobierno galego”.
Logo de manter unha xuntanza na Confraría de Pescadores de Rianxo co seu patrón maior, Miguel Iglesias, a responsable socialista pediu ao goberno galego “solucións urxentes” para o sector diante da morte da cría do marisco que se está a producir no municipio “a causa da contaminación da ría e da baixa salinidade da auga”.
Así, sinalou que os responsables da confraría “están moi preocupados, xa que xa extraeron máis 10.000 quilos de cría de marisco morto”, o que “compromete” a campaña extractiva e, en consecuencia, o seu medio de vida.
“Pedímoslle á Xunta de Galicia que promova a interlocución coas mariscadoras e mariscadoras para informar sobre as datas nas que realizan as botaduras ao río dende o encoro de Portodemouros para poder tomar medidas”, sinalou a socialista, quen subliñou a importancia da “planificación e coordinación” cos traballadores do marisqueo para evitar danar a súa actividade laboral.
Nesta liña, Díaz incidiu na importancia de “controlar os vertidos ao río Ulla” para evitar os problemas de contaminación que se están a producir nos últimos anos e que están a afectar á produción de marisco.
Por último, a socialista instou ao goberno galego a “apoiar o proxecto do centro de día impulsado polo Concello de Rianxo”, xa que “fronte as achegas de fondos da Deputación da Coruña para a súa reforma e equipamento, a Xunta non está a aportar nada”. Así, pediu ao goberno galego que “colabore tamén na posta a punto e no mantemento das instalacións” e que ademais “asuma a súa xestión”, xa que o municipio carece deste servizo.