A deputada socialista Noela Blanco denunciou hoxe o desleixo sistemático do PP co Museo Arqueolóxico de Ourense dende os gobernos galego, local e central. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei en Comisión para reivindicar a posta en marcha da remodelación do inmoble, que está a ser adiada dende hai 16 anos e que hoxe foi vetada polo PP.
A responsable socialista urxiu hoxe ao goberno galego a “abandonar o seu desinterese e a súa complicidade co adiamento dunha obra eterna” para “deixar de darlle o seu apoio a unha tremenda inxustiza co patrimonio cultural de Ourense”. Así, criticou os “orzamentos raquíticos” do goberno central, que destina só 400.000 euros para as obras, ou a lentitude da tramitación da planificación do planeamento urbanístico no Concello.
Lembrou que é a Xunta quen debe xestionar o espazo, cun “manifesto desinterese que serve de coartada para adiar unha actuación que se converte nunha gran inxustiza e unha tomadura de pelo para os ourensáns e ourensás”.
Censurou as “inxustizas e desleixo” do goberno galego tanto cos fondos culturais de tódolos ourensáns como co inmoble, o edificio do antigo Pazo Episcopal, declarado BIC e sinalado como monumento histórico artístico xa en 1931.
Blanco criticou que o PP teña utilizado hoxe como “subterfuxio” o rexeitamento do PSOE aos orzamentos xerais do Estado cando, dixo, “o PP votaba en contra dos orzamentos do Estado en 2009, cando o PSOE investía 10 millóns de euros máis que hoxe na provincia, uns orzamentos que a diferenza de hoxe si que eran executados”.
Os socialistas reclamaron hoxe que a Xunta lle solicite ao Estado que os próximos orzamentos incorporen a contía suficiente para a protección do patrimonio cultural da provincia “e nomeadamente no que se refire ao Museo Arqueolóxico Provincial para rematar as obras e abrilo ao público o antes posible”.
Ademais, reclamoulle ao goberno galego que “poña en marcha todas as medidas ao seu alcance para concretar unha remodelación que se demora por máis de 15 anos e que impide a apertura ao público do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense”.