A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, María Pierres, denunciou hoxe “micromachismo” do goberno galego, que só inclúen servizo de atención a nenos e nenas nos actos relacionados coa posa en valor das mulleres, como o acto institucional do Día Internacional da Muller. Pierres amosou hoxe o respaldo dos socialistas á manifestación do domingo e aos paros convocados por UGT e CC.OO. para o próximo xoves.
Pierres invitou ao PP e ao goberno galego a “quitar a careta e atender ás demandas reais da xente” porque, dixo, “aparentando pasan estas cousas, que patinamos e quedamos en evidencia”. Aludiu así á convocatoria dos actos de Presidencia con motivo do Día Internacional da Muller ou da entrega dos premios María Josefa Wonenburger Planells incluíndo servizo de atención a nenos e nenas baixo petición.
Sinalou que se trata de “algo que non vemos mal, se esta fose a tónica habitual, pero non é o caso, pois nas invitacións a outros actos non se facilitou este servizo”. Explicou que “evidencia que o noso presidente relaciona que son somentes os actos con mulleres os que precisan de fomento da conciliación, coma se isto non fora cos homes, algo que entendemos é en si mesmo un micromachismo”.
O goberno galego, dixo, segue a máxima de Mariano Rajoy, quen recomendou que “non nos metamos niso” ao falar da fenda salarial, polo que a Xunta pasou de dedicarlle 31,2 millóns de euros a tan só 7,2 á igualdade entre 2009 e 2018. Apuntou que “os gobernantes do PP continúan agochándose tralas caretas nun xogo de “trato ou susto”, no que “os bos tratos son sempre para eles e os sustos para as mulleres”.
Emprego
Criticou a situación laboral das mulleres, que de acordo cos datos coñecidos hoxe hai un 30 por cento máis de desempregadas mulleres -106.174- que homes -82.033-, e dentro do colectivo de persoas paradas sen emprego anterior duplican aos homes, 10.336 fronte a 5.202. Advertiu que a taxa de paro das mulleres está 1,4 punto por enriba dos homes, e a taxa de ocupación, un 41,1 por cento, está 8 puntos por debaixo.
Trátase ademais dun colectivo especialmente afectado pola temporalidade, cando 4 mulleres por cada home teñen contratos deste tipo, e máis do 20 por cento das asalariadas traballan a tempo parcial, fronte ao 6 por cento no caso dos homes. Derivado disto, dixo, un 16 por cento das asalariadas galegas están por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional, por un 4,3 por cento dos homes.
Sinalou que as mulleres levan unha década cobrando un 22,3 por cento menos que os homes, unha fenda salarial que evidencia a ineficacia das políticas do PP e que provoca ademais que teñan as pensións máis baixas, unha media de 647 euros polos 1.041 dos homes. Una fenda que, engadiu, “é 2,2 puntos incluso maior da que se rexistrada antes da crise”.
Sinalou ademais que “somos as que sufrimos as violencias machistas”, con 62 mulleres asasinadas en Galicia nos últimos 19 anos, e neste momento, explicou, “a policía vixía 1.596 agresores machistas en Galicia”.
Propostas
Pierres defendeu as iniciativas socialistas que, dixo, marcaron “un necesario punto de inflexión” coa Lei de Igualdade aprobada polo goberno de Zapatero en 2007 ou a Lei do Traballo en Igualdade aprobada polo goberno de Touriño e “paralizada por Feijóo”. Dixo que “esa é a nosa herdanza e esas son as nosas credenciais, o bo traballo feito, demostrando que non precisamos disfrazarnos de igualdade porque forma parte de nós”.
Defendeu así as propostas “en positivo” que presentarán os socialistas galegos no próximo Pleno do Parlamento, véspera do Día Internacional da Muller e que dedicarán de forma monográfica á Igualdade, logo de “presentar iniciativas de igualdade durante todo o ano”. Reivindicou “protagonismo absoluto” a través da pregunta ao presidente e de iniciativas en materia de educación, saúde, mar, ciencia e investigación ou dereitos laborais.