O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, presentou hoxe unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamar a mellora das condicións laborais dos profesores e profesoras de Galicia. O responsable socialista reclamou a restauración das condicións previas á crise logo de que Feijóo impuxera recortes salariais, aumento de horas e incremento de alumnos por aula.
Álvarez levou ao Parlamento as demandas trasladadas polos distintos sindicatos con representación no ensino público, que coincidiron no “factor común da recuperación das condicións de traballo” a nivel salarial, de horarios e de número de alumnos. Advertiu do empeoramento drástico das condicións destes profesionais coa chegada de Feijóo, que botou por terra as melloras acordadas co goberno do socialista Emilio Pérez Touriño.
O parlamentario socialista deu a alerta pola “absoluta incapacidade de dialogar” demostrada polo equipo da Consellería de Educación e reivindicou un exercicio de “xustiza elemental” para trasladarlles a estes traballadores unha recuperación económica “máis ficticia que real”.
Advertiu que o profesorado “foi máis solidario, máis castigado e merece máis que noutras partes do Estado”, xa que en Galicia perderon de media 6.000 euros de pagas extra polos recortes aplicados polo goberno galego dende 2013. Este corpo profesional, dixo, “traballou máis horas, cobrou menos e padeceu unha situación comparativamente peor”.
Número de alumnos
O parlamentario socialista replicoulle hoxe cos datos oficiais ao conselleiro de Educación desmentindo a súa afirmación reiterada segundo a cal en Galicia hai “a mellor ratio de alumnos por profesor”. De acordo coas cifras do Ministerio de Educación, Galicia pasou de ser a segunda Comunidade Autónoma con menos alumnos por profesor no curso 2008-2009 a pasar ao sétimo lugar no curso 2008/2009.
Esta situación deriva por unha parte do número de alumnos pero tamén, advertiu, débese a que “cada vez hai menos profesores polo empeoramento das súas condicións de traballo”. Negou que a convocatoria de prazas públicas vaia mellorar esta situación, xa que débese a “recortes das xubilacións” nun colectivo que cada vez máis escolle prexubilarse aos 60 anos sen incentivos como saída á súa situación laboral.