Chama ao goberno galego a “empregar as súas competencias” para “dar continuidade á actividade industrial e garantir o emprego existente” no estaleiro vigués
O voceiro de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, vén de urxir á Xunta a enviar á administración concursal de Barreras informes técnicos que avalíen as ofertas presentadas polas empresas que optan á compra do estaleiro vigués. Fíxoo, hoxe, despois de presentar unha batería de iniciativas neste sentido na Cámara galega.
“A Xunta de Galicia, con competencias en materia de industria e emprego, debe apoiar a reivindicación realizada polos sindicatos e polas empresas e asociacións do sector”, reivindicou o dirixente socialista, quen pediu ao goberno galego que “avalíe e cuantifique” as propostas presentadas, tanto en materia industrial como en materia laboral, co obxectivo de “dar continuidade á actividade industrial e garantir o emprego existente”.
Neste marco, Seco instou ao goberno galego a “apostar pola continuidade do estaleiro”, así como pola “aplicación dun plan de futuro que asegure unha carga de traballo suficiente como para garantir o mantemento do emprego propio e do emprego da industria auxiliar nunha cidade tan marcada pola industria naval como Vigo”.
“Cómpre un proxecto industrial fiable e con garantías que dea estabilidade ao sector despois dos bandazos que leva dando o estaleiro”, subliñou o socialista, logo de lembrar que tras 130 anos de historia o estaleiro “quedou marcado” na última década “por unha historia chea de luces e sombras” derivada da súa “quebra”, da adquisición por parte da petroleira PEMEX e da súa posterior compra por parte da hostaleira The Ritz-Carlton.
Por todo isto, o dirixente socialista sumouse á petición de UGT-FICA, sindicato maioritario no comité de empresa, e urxiu tamén ao novo propietario a manter o emprego existente, conformado por “persoal experimentado nun momento ademais no que faltan bos profesionais con experiencia no sector naval”.