O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, denunciou hoxe que “os departamentos de Industria da Xunta de Galicia non valen para nada” pola súa pasividade diante da situación empresarial de Alu Ibérica en A Coruña, ao igual que Xial ou á marcha de Naturgy. Seco presentou unha pregunta oral na Comisión de Industria do Parlamento para reclamarlle á Xunta que “exerza as súas competencias”.
Advertiu de que “non sabemos que está a facer a Xunta de Galicia dentro das súas competencias” en materia industrial, que mesmo chegou a suxerirlle que “llelas devolvan ao goberno central”. Criticou a súa pasividade diante dos “posibles incumprimentos da empresa compradora” da factoría, que observan sen facer “nada” diante das denuncias presentadas polos traballadores, así como polo despido en falso dunha traballadora e dos membros do comité de empresa.
Seco instou ao goberno galego a demostrar “capacidade de chegar a algunha solución, e non simplemente facer o trámite”, cando se están a revelar como “incapaces de poñer o peso da Administración para convencer a empresas coma esta ou para tomar medidas na defensa dos traballadores da nosa terra, que está quedando feita un deserto”.
Lembrou que o goberno galego, ao igual que o goberno de España, comprometeuse a supervisar o proceso de venda da factoría, no que a Xunta “estivo de costas sen achegar e facer efectivas as súas competencias en política industrial, para deixarlle coma sempre a busca de solucións ao goberno do Estado”.
O responsable socialista sinalou que logo de que os traballadores esixiran a actuación das administracións ante os incumprimentos da empresa, o goberno de España está en contacto co Comité de Empresa. Como consecuencia fixo o informe que lle pediron para apoiar a denuncia presentada pola parte social ante a presunta comisión de delitos de estafa, insolvencia punible, apropiación indebida, contra a seguridade dos traballadores e pertenza a grupo criminal”.
O goberno trasladoulle ao Comité de Empresa as accións que están a realizar, analizando as denuncias e informes da empresa propietaria para informar dos incumprimentos do contrato de compravenda, que derivou na entrada da xustiza para rexistrar as instalacións da fábrica e as oficinas.
Lamentablemente, engadiu, “non sabemos se a Xunta de Galicia fixo algo máis que mirar para o Estado”, e mesmo logo de comprometerse a mediar diante dos conflitos laborais da fábrica e que derivaron nunha longa folga, “atopámonos co despido por causas disciplinarias a catro traballadores, incluído o presidente do Comité de Empresa”.