Repróchalle ao goberno galego que non asumise as súas competencias plenas en materia de industria para garantir o traballo das empresas auxiliares
O deputado socialista Martín Seco puxo hoxe en valor o inminente inicio da construción das fragatas F-110 en Ferrol. Un compromiso cumprido pese “aos malos augurios do Partido Popular” e despois de que o goberno de Mariano Rajoy tivese paralizados os contratos durante anos e deixase aos estaleiros de Navantia en quebra técnica.
Nunha pregunta ao goberno no pleno do Parlamento, Seco lembrou que -tras os retrasos imputables unicamente ao PP- a ministra de Defensa, Margarita Robles, anunciou hai uns días que a Armada contará en 2027 coa primeira fragata F-110. O buque comezará a construírse este mesmo mes co corte de chapa de dous bloques nos talleres do estaleiro ferrolán. “Con este anuncio”, salientou Martín Seco, “cúmprense os fitos programados”.
Fronte a este feito, Martín Seco censurou a actitude do Partido Popular nos últimos anos, con continuas advertencias de retrasos e críticas ao goberno de Pedro Sánchez. Neste contexto, lamentou que o PP, dentro das competencias que ten a Xunta en materia de emprego e formación, “non puxese enriba da mesa nin unha soa medida propia para axudar aos traballadores e traballadoras afectadas pola falla de carga de traballo derivada da mala xestión do seu goberno ata o ano 2018”.
Nesta liña, instou ao conselleiro de Industria a abandonar a política da propaganda, na que “é vostede un alumno avantaxado de Feijoo”. Así, reclamoulle que deixe de “botar balóns fóra ante os problemas industriais sobre os que ten competencia plena” e de “vender como propios éxitos de industrias que nada teñen que agradecer ao seu departamento”.
“Non é difícil atopalo nunha foto cando unha empresa fai algúns investimento, pero é imposible atopalo reunido con alguén da industria que pasa por problemas”, lamentou. Por iso, dixo, xa é coñecido no sector como “o conselleiro de desindustrialización”.
En paralelo, Martín Seco reclamoulle á Xunta que adopte medidas para impulsar a actividade nos estaleiros públicos de Ferrol e das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. “A única medida que tomou foi poñer unha oficina da Xunta en Ferrol e facer un librillo con peticións ao goberno do estado sobre as necesidades da comarca”, lembrou.
De maneira específica, o deputado socialista avogou por un verdadeiro plan de reindustrialización destas comarcas para garantir que as empresas auxiliares teñan alternativa á carga de traballo de Navantia. “Por que non melloran a situación do solo industrial, das comunicacións viarias, das infraestruturas portuarias ou por que non utilizaron as súas competencias plenas en política industrial para darlle un maior pulo ao proxecto de estaleiro 4.0?”, preguntou Seco.
O deputado socialista achacou esta inacción a que “vostedes fai moito tempo que renunciaron ás súas competencias nun momento de impulso ás enerxía renovables”. Demóstrao o peche de factorías como a de Siemens-Gamesa, nas Somozas, ou a de Vestas, en Viveiro.
De maneira complementaria, Martín Seco tamén lembrou que o goberno galego ten as competencias en emprego e formación. Porén, mentres o goberno do Estado garantiu o traballo de todos empregados de Navantia en Ferrol durante o período de falta de actividade, a Xunta non foi quen de facer o mesmo coas empresas auxiliares.
O MAIOR CONTRATO DA HISTORIA DO MINISTERIO DE DEFENSA EN FERROL
Na súa intervención, Martín seco subliñou que a construción das F-110 “vai ser un impulso esencial e fundamental para a Armada e para toda a comarca de Ferrol”. Non en van, trátase dun contrato de 4.325 millóns de euros que lanzou o Ministerio de Defensa e co que se poden crear ata 9.000 postos de traballo directos e indirectos.
Explicou que “a contratación do persoal irá en curva ascendente conforme se vaian desenvolvendo as distintas tarefas construtivas” e “tamén será inminente a posta en marcha do taller de subbloques”.
Martín seco tamén fixo fincapé en que o programa xerará ocupación no estaleiro ferrolán para o próximos dez anos e constituirá a pedra angular da súa dixitalización. De feito, unha das principais innovacións que presenta este contrato é o xemelgo dixital, unha réplica virtual que se desprega sobre o propio barco ou de forma remota en terra e que elevará os estándares de mantemento predictivo do buque.
“Son investimentos en innovación”, remarcou, “que serán exportables ao mundo civil e que, ademais, permitirán que a F-110 poida ser comercializada internacionalmente, aportando á economía de Ferrol e sostendo o tecido produtivo da industria de defensa en Galicia.
Ademais, Navantia ten en marcha o plan estratéxico para a fábrica de turbinas con obxecto de soster este negocio tan especializado e que unicamente se realiza nese estaleiro. Tamén está traballando en novas oportunidades de negocio en eólica flotante, para poder garantir a continuidade de Navantia Fene como centro de referencia no sector eólico a nivel europeo.
Por último, Martín Seco salientou que o departamento de reparacións segue sendo “estratéxico” para Navantia, polo que se está a traballar para conseguir novos contratos.