Presenta unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle ao conselleiro de Economía que reciba ao alcalde de A Baña polo proxecto de parque eólico de Troitomil
O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta “un novo modelo eólico pactado cos concellos e comunidades rurais, que aposte pola democratización do sector e elaborando un novo plan sectorial”.
Así o dixo logo dunha xuntanza co alcalde de A Baña, José Antonio Pereira, afectado pola instalación de muíños en Troitomil, a escasos metros das vivendas; e á que acudiu xunto ao vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena.
O responsable socialista reclamoulle ao conselleiro de Economía, Empresa e Innovación e ao responsable de Enerxía e Minas que respondan das solicitudes de xuntanza do alcalde da localidade “e o reciban canto antes”. Seco alertou do impacto medioambiental deste proxecto, agravado pola proximidade dos muíños aos núcleos habitados, de apenas 500 metros para unhas instalacións de ata 200 metros.
Este novo parque, promovido pola empresa Green Capital Power nos concellos de A Baña e Negreira convirte a estas localidades nos dous concellos galegos cun maior número de parques eólicos. Os alcaldes están, dixo, “moi preocupados polos inconvenientes que xera este tipo de instalacións na calidade de vida da súa cidadanía e aos sectores primarios desta comarca por unhas instalacións que apenas deixarán beneficios económicos a propietarios e concellos”.
Os socialistas galegos reclaman unha modificación da lexislación actual, mellorando a transparencia na información e xestión dos proxectos, os instrumentos de participación e colaboración da Xunta coa cidadanía e os concellos afectados, ou o equilibro nas negociacións entre propietarios e promotores.
Reclama tamén incidir nas fórmulas de repercusión económica das instalacións en concellos e comunidades rurais e a defensa do patrimonio cultural e patrimonial do territorio, así como da calidade de vida dos veciños, modificando a distancia mínima entre muíños e vivendas.
VULNERACIÓN DA LEXISLACIÓN
O Grupo Socialista reclama un maior control destes proxectos, logo de constatar a “forma descarada que as empresas utilizan para fraccionar macroproxectos en pequenos parques eólicos para evitar superar os 50 MW”. Esta fórmula “determina que a competencia para a declaración do impacto ambiental a faga o Estado, o que pode ser unha clara vulneración da lexislación vixente”.
Pola súa banda, o alcalde da Baña amosou o seu desacordo con esta nova instalación, dado que “existe unha saturación de parques eólicos na contorna”. Ademais, censurou a proximidade desta nova infraestrutura coas vivendas, o que pode xerar “un enorme prexuízo para as veciñas e veciños da Baña”.