O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, anunciou hoxe unha batería de iniciativas parlamentarias para esixirlle á Xunta que “deixe de mirar para outro lado” e aprobe un Plan de Recuperación do Naval de Vigo. Seco compareceu hoxe xunto co responsable da federación industrial de UGT de Vigo, Rubén Pérez, e antes de manter un encontro no Parlamento co presidente do Comité de Empresa do estaleiro Barreras.
O responsable socialista esixiulle ao goberno galego que faga valer as súas competencias exclusivas en Industria e Economía e actúe como “polo tractor” para garantir a actividade buscando posibilidades de investimento que aseguren o futuro da carga de traballo. Lembrou que o Executivo ten instrumentos de impulso económico, como o caso do Igape, pero que leva 12 anos de “renuncia sistemática” a tomar calquera tipo de iniciativa a favor da industria galega.
Seco analizou o difícil momento de firmas como Metalships, coa carteira de pedidos baleira, a situación “dramática” de Vulcano, derivada dos “bandazos” do goberno galego, ou a “complexidade” á que se enfronta Barreras, cun ERTE anunciado. O parón dos estaleiros, dixo, leva ao sector a unha situación “agónica” que merece toda a atención do goberno galego, só preocupado de “sacarse fotos”.
Aludiu así ao interese do presidente da Xunta de acompañar a Pemex cando anunciara a entrada en Barreras, para anos despois botarse a un lado e eludir dar calquera tipo de explicación cando a empresa “desaparece para deixar ao estaleiro sen futuro”. Advertiu que mentres o goberno galego “pon o foco en Navantia” esquece que “o sur tamén necesita do naval privado”.
Criticou que o goberno galego fíe toda a súa estratexia a criticar ao goberno do Estado e que a pesares de ter os orzamentos máis expansivos da historia renuncia a exercer as amplas competencias de que dispón para tomar unha posición proactiva a favor do sector. Neste sentido, lembrou que o PP quere aprobar o ditame da Comisión de Reactivación “sen incluír nin unha soa medida dirixida á Xunta para a reactivación industrial e o tecido produtivo”.
Reclamou por iso un Plan de Recuperación que pase por que o goberno galego lidere a busca de oportunidades para o naval e desenvolver “sinerxias entre as iniciativas pública e o privada”. Tanto os socialistas como o representante da federación industrial de UGT de Vigo reclamaron un Plan que ligue o financiamento industrial ao mantemento das plantillas, así como un plan formativo que facilite a recualificación das plantillas.
Cooperación
O secretario de FICA-UGT de Vigo, Rubén Pérez, chamou á “cooperación” do goberno galego para realizar unha “aposta decidida de país” para “pasar das palabras aos feitos e plasmalo na iniciativa, o apoio e o investimento” a favor dun sector estratéxico para Vigo e toda Galicia “máis alá das palabras e dos relatos”.
Chamou a aproveitar a oportunidade dos fondos de recuperación procedentes da UE para “aparcar as diferenzas e facer unha aposta conxunta e decidida” a favor do sector exercendo as competencias estatutarias en matria industrial do goberno galego. Sinalou a urxencia de respaldar aos traballadores do sector para afrontar o “período valle” que se aveciña “antes de volver ter vida e actividade” en forma de novas contratacións.