O portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, Martín Seco, reclamoulle hoxe á Xunta que empregue os fondos europeos para a reconstrución como “revulsivo” que permita transformar a economía rural. Seco interveu na comparecencia do conselleiro de Medio Rural no Pleno do Parlamento, onde instou a superar 12 anos de “políticas erráticas” que fixeron de Galicia a rexión europea cun peor aproveitamento dos seus recursos.
O responsable socialista explicou que Galicia conta con 900.000 hectáreas de terra cultivable sen explotar, e chamou a empregar os recursos europeos, que serán xestionados polo Estado, para desenvolver unha política económica integradora do territorio para recuperar o medio rural, respectuosa co medio e dirixida a aumentar a produtividade.
Apuntou á necesidade de mobilizar terras, fomentar a renovación xeracional, incrementar a superficie de cultivo de cereais para suplir a dependencia da importación de cereais, aproveitando ademais as “inmensas posibilidades do noso territorio” e incrementar a superficie dedicada a hortalizas, tubérculos e legumes. Reivindicou unha “industria alimentaria de calidade” con mellores fórmulas de comercialización e apoiada nos centros de investigación públicos agora abandonados.
Así o dixo logo de facer un repaso pola etapa de goberno de Feijóo e a súa “falla de políticas efectivas e preocupante falla de xestión” nos que xestionaron 1.600 millóns de euros procedentes de fondos PDR “para non obter uns resultados positivos”. A xestión máis sinalada, engadiu, foi o desmantelamento dos instrumentos de apoio ao sector agrario, como o CIAM de Mabegondo, o CIF de Lourizán, os centros de formación agraria ou as oficinas de extensión agraria.
O goberno galego vén incumprindo sistematicamente as súas propostas, como as 30 medidas de resposta á vaga de lumes de 2017 por parte dun goberno afectado polo “síndrome do DOG e da CRTVG”, con “continuos anuncios e contratacións sen publicidade nin concorrencia competitiva”. Resumiu que en 2020 adxudicaron directamente ata 1.478 contratos menores de “adxudicacións directas impropias dunha administración moderna e contrarias á xustiza comunitaria”.
14 anos nos que o forestal foi o mellor reflexo das políticas erráticas postas de manifesto na “falla de planificación” cunha ampla zona na franxa costeira dedicada a monocultivo a favor dun oligopolio industrial, unha zona abandonada na montaña oriental e suroriental e a diagonal central onde o monte está sometido a unha enorme conflitividade e inseguridade.
Lei de Recuperación de Terras
Seco amosouse “aberto a chegar a acordos” para mellorar a Lei de Recuperación de Terras, actualmente en trámite parlamentario, pero reclamou “seguridade xurídica” nun texto que foi presentado no Parlamento sen pasar polo Consello Consultivo nin pola asesoría xurídica da Xunta. Alertou das “serias dúbidas sobre a constitucionalidade”, como a investigación da propiedade, que permite incautar terras de propietario descoñecido, nunha “expropiación encuberta”.
Reclamou “seguridade legal do que desexan facer” e a continuación “darnos a seguridade de que esta Lei non quedará en papel mollado no seu desenvolvemento”. Alertou de que “sen orzamento, sen persoal para aplicala e sen cronograma de actuacións quedará nun novo mecanismo de publicidade baleira para a Consellería”.